O II Trofeo Internacional Xacobeo reunirá no Lérez a máis dun milleiro de piragüistas galegos e portugueses
Por Redacción
Un total de 1.335 piragüistas participarán este domingo 11 de setembro na segunda edición o Trofeo Internacional Xacobeo 2022, que se celebrará en augas do río Lérez, ao seu paso pola cidade de Pontevedra.
Os deportistas, pertencentes a 44 clubs de Galicia e o norte de Portugal, pertencen ás categorías prebenjamín, benjamín, alevín e infantil, tanto masculinos como femininos.
A eles sumaranse outros 250 piragüistas en idade cadete que competirán no encoro de Verducido en diversas probas de velocidade complementarias a este trofeo.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, sinalou que esta pretende ser a "festa do piragüismo galego-portugués", dúas rexións que de competir xuntas como país "estariamos entre as tres principais potencias do mundo".
Este evento conxunto, sinalou o dirixente galego, terá continuidade en novembro con concentracións de mellora, rendemento e tecnificación pensadas para que os deportistas desta eurorrexión "sigan mellorando", tendendo pontes en materia de coñecementos.
Na presentación deste trofeo tamén participou o vicepresidente da Federación Portuguesa de Piragüismo, Ernesto Morais, que destacou a "forza" que o piragüismo ten en Galicia e o norte do país luso, aínda que non sexa "moi recoñecido e apoiado polos gobernos".
Con este tipo de competicións, segundo Morais, "queremos promover o piragüismo" para que cada vez sexan máis os nenos e nenas que se animen a formarse nesta disciplina.
Os padriños deste II Trofeo Internacional Xacobeo 2022 serán os piragüistas galegos Tono Campos, Diego Romero e Tania Vázquez, xunto ao padeeiro portugués Fernando Pimenta