Roubos con final feliz no RallyMix Cuntis Vila Termal
Por Diego Espiño
A Escudería Cuntis Vila Termal, organizadora do RallyMix de Cuntis celebrado a pasada fin de semana, respira tranquila despois do desgusto ocasionado por algún 'amigo do alleo'.
Tras a disputa da proba automobilística con éxito organizativo e de público, e con triunfo no estritamente deportivo de Abel Jurado, os encargados de organizar a competición do Campionato Gallego levaron unha sorpresa en grao sumo desagradable.
Ao querer recoller o material despregado ao longo do percorrido atopáronse con que faltaba unha carpa instalada na zona de meta xunto a unha lona que estaba colocada no centro da localidade anunciando a quinta edición do evento. Ademais botaban en falta outras lonas de patrocinadores.
Para tentar recuperar todo o sustraido a Escudería Cuntis Vila Termal pediu a axuda dos afeccionados do mundo do motor, avisando ademais que no caso da lona a persoa responsable fora gravada in fraganti, polo que lle daban unhas horas de prazo para devolvela antes de poñer en coñecemento da Garda Civil a situación.
Finalmente, explica a escudería, "chegounos unha mensaxe por Instagram decindo que se arrepentiran e que deixaran todo na zona de meta. Fomos nese mesmo momento e alí atopábase todo".
Superado o mal momento, e aínda que quedan meses por diante, todo o vivido non quitou as ganas de darlle continuidade ao RallyMix de Cuntis, polo que "toca seguir, pensar na sexta edición e para o ano poñer o pastor ao redor de todas as lonas que poñamos", afirman cun toque de humor.
Relacionadas:
-
Alfonso Ventín, gran dominador da sexta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Presentada a terceira edición do RallyMix Concello de Portas
Por Redacción |
-
Abel Jurado vence na quinta edición do RallyMix de Cuntis
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A quinta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal, a punto
Por Redacción |
-
O RallyMix Cuntis Vila Termal quece motores para a súa quinta edición
Por Redacción |