Adrián González, un ex granate tras o 'milagre' do Noia na Primeira División de Fútbol sala
Por Diego Espiño
Noia, na provincia da Coruña, non chega aos 15.000 habitantes segundo o Instituto Nacional de Estatística, pero o seu equipo de fútbol sala está a revolucionar o panorama nacional no seu primeiro ano na máxima categoría.
Se xa o seu ascenso a Primeira foi un logro maiúsculo, o Noia Portus Apostoli é terceiro na clasificación despois de seis xornadas só superado polo Palma Futsal e polo Fútbol Club Barcelona, todo un campión de Europa que visitará a cancha dos galegos esta próxima fin de semana (sábado 5, 17.00 horas). Antes de que iso suceda un dos responsables do 'milagre' noiés ateniende a PontevedraViva. Non é outro que Adrián González, graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte no campus da Boa Vila e membro hai non moito do equipo técnico de equipos como o Pontevedra Club de Fútbol e o Poio Pescamar.
Agora, tras unha experienca gratificante en África, é o encargado da preparación física do Noia, tal e como el mesmo explica "un proxecto de xente nova, con moito inconformismo, moita paixón, moita humildade. É verdade que competimos ante equipos que a priori son técnica e fisicamente superiores a nós, pero nós xogamos coas nosas armas, tentando loitar e competir".
¡ DÍAS para el #NoiaPAFSBarça!
— Noia Portus Apostoli FS (@NoiaFutbolSala) November 2, 2022
Continúa el trabajo semanal para encarar el duelo contra el campeón de Europa y de Liga de la mejor forma posible.#OSentimentoDunhaVila #DeixaDeImaxinar pic.twitter.com/wd2rdbkvtb
Afastado da presión vivida en prazas como a do Pontevedra, en Noia "o obxectivo do club non é outro que gozar cada día, lonxe de cada semana ou cada partido. Gozar de todos os adestramentos, de cada día". Por iso a visita do Barcelona vívese de maneira especial. "É o actual campión de Europa, un dos mellores se non o mellor equipo do Mundo, cun orzamento que é a alo mellor 20 veces máis grande que o noso, uns medios que son infinitamente superiores ao nosos pero nós temos moita confianza no noso traballo diario e tentar sacar o máis positivo posible", asegura sobre un encontro que colgou o cartel de 'non hai billetes'.
Adrián non pensa agora mesmo noutra cousa que non sexa o seu traballo na gran revelación da tempada na Liga Nacional de Fútbol sala, un club no que xa foi xogador hai anos. "Estou super centrado no meu equipo e non penso en máis nada que non sexa iso e a miña familia", asegura, aínda que é inevitable mirar cara atrás para seguir de preto aos clubs nos que traballou. "Eu son do Poio Pescamar, son do Pontevedra, son do Arenteiro... Teño un par de alegrías e pouco de tristeza polo Pontevedra, pero eu creo que vai ir para arriba ao 100%", defende o que foi membro do seu equipo técnico durante tres anos.
O último deles foi o curso marcado pola pandemia, primeiro con Jesús Ramos como primeiro adestrador e despois da man de Luisito, unha experiencia "da que aprendín moito" e á que garda especial agarimo. Tamén con algunha espiña cravada, "a máis grande é non vivir máis partidos coa afección de Pasarón. O último contra o Oviedo que nos salvamos 3-0 na casa houbo un ambiente moi bo pero lonxe do que é Pasarón e o empuxe que ten", rememora.
Na actualidade desde fóra tenta ver "todos os partidos que podo", e tamén se mantén en contacto con xogadores e xente do club granate. Tanto é así que analiza a súa situación defendendo que "me encanta como empezaron a tempada, como xogan e a identidade do equipo. Se que é verdade que os resultados non están a vir de cara pero hai que ter paciencia, aínda que sexa algo que non se ten moito en Pontevedra, porque o ano pasado empezouse mal, houbo un cambio de chip e empezouse a gañar todo". Un consello dun profesional que deixou a porta aberta á súa saída de Pasarón. Quen sabe se para volver algún día.