Álex González, principal dúbida do Pontevedra para visitar o Real Madrid Castilla: "Mañá valoraremos se viaxa ou non"
Por Diego Espiño
Máis aló das ausencias obrigadas por sanción de Brais Abelenda e Churre, o Pontevedra Club de Fútbol mantén unha importante dúbida de cara ao encontro de liga do próximo domingo 6 de novembro (12.00 horas, Valdebebas) fronte ao Real Madrid Castilla.
Esa dúbida é o estado físico de Álex González, que se exercitou a menor ritmo durante a semana por un golpe, non levou a evolución esperada e "mañá valoraremos se viaxa ou non", recoñeceu este venres o técnico granate, Antonio Fernández, que esperará á última sesión previa ao choque para decidir. Ademais tampouco descartou que Diego Seoane entre na convocatoria tras exercitarse co grupo cunha evolución das súas molestias musculares que "vai moi moi avanzada".
No que respecta ao encontro e con polo menos dous cambios obrigados no once polas sancións "o equipo vai preparado para tentar conseguir a vitoria fóra da casa. A mentalidade ten que ser gañadora", defende Fernández.
O adestrador espera que o triunfo fronte ao San Fernando "sexa un punto de inflexión", aínda que é consciente que será "unha saída complicada porque os números do Castilla na casa son importantes, non perdeu aínda, pero nós temos que ir sen complexos, sabendo ao escenario que imos e creo que todo pasa por ser un equipo moi ordenado, que domine as áreas e que cando lle toque sufrir que saiba sufrir".
Analizando máis en detalle o que pode ser o partido "non temos que conceder erros propios en saída de balón, porque é un equipo que ten calidade dabondo, e non podemos ser un equipo débil na transición ataque-defensa. Se temos un problema na distancia de liñas imos sufrir moitísimo, vai ser unha das claves manexar eses espazos, que o Castilla sabe ocupar moi ben", avanza Antonio.
O colexiado do encontro en Madrid será o catalán Albert Catalá Ferrán, que nunca arbitrou ata a data ao Pontevedra a pesar de acumular unha longa traxectoria en Segunda B e Primeira RFEF.
Relacionadas:
-
Arribas sentenza a un defensivo Pontevedra que segue sen gañar fóra da casa (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Adrián González, un ex granate tras o 'milagre' do Noia na Primeira División de Fútbol sala
Por Diego Espiño |
-
Libasse Guèye, de volta en Pontevedra tras ser protagonista coa Selección Sub-23 de Senegal
Por Diego Espiño |
-
O Grupo I da Primeira RFEF, unha trituradora de adestradores
Por Diego Espiño |
-
Brais Abelenda, Churre, Sergio Moreira... o 'parte de guerra' tras o triunfo do Pontevedra contra o San Fernando
Por Diego Espiño |
-
Cacharrón e Martín Diz, os heroes inesperados no Pontevedra que aproveitaron a súa oportunidade
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Hoxe tocaba gañar por encima de todo"
Por Almu Dapena |
-
Agónico triunfo e homenaxe a Neme en Pasarón (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |