O Grupo I da Primeira RFEF, unha trituradora de adestradores
Por Diego Espiño
Máis que tres puntos o Pontevedra Club de Fútbol gañou o domingo fronte ao San Fernando tempo para o seu proxecto deportivo e calma para traballar. Así o pedía na previa un Antonio Fernández ao que os resultados tras seis xornadas sen gañar empezaban a colocar nunha situación delicada. O club granate mostroulle o seu apoio e confianza, e cun triunfo no peto as augas tranquilizáronse.
Non foi así noutras prazas da categoría, e é que a Primeira RFEF, en especial o Grupo I no que militan os granates, está a revelarse cunha auténtica trituradora de adestradores. Ata sete dos 20 equipos do grupo cambiaron xa de preparador cando só transcorreron dez xornadas de campionato. Decisións drásticas que na maioría dos casos non deron o resultado esperado, xa que só en dous deses equipos a evolución positiva foi clara.
Eses casos son os do Rayo Majadahonda e a Real Balompédica Linense. No que respecta ao equipo madrileño decidiu dar un cambio de rumbo tras a sexta xornada (cinco derrotas e unha derrota), e aínda que con Alfredo Santaelena no banco segue ocupando postos de descenso (17º) a súa media de puntuación elevouse considerablemente con 7 puntos de 12 posibles (dúas vitorias, un empate e unha derrota).
Pola súa banda a Balompédica iniciou a competición encadeando oito xornadas sen gañar (catro empates e catro derrotas), dando a alternativa como técnico a Rafael Escobar, quen sumou dous triunfos consecutivos para saír de postos de descenso.
Dous equipos que son a excepción, xa que outros ou manteñen máis ou menos a súa media de puntos ou non conseguiron reaccionar.
O primeiro en cambiar de adestrador esta tempada foi o recentemente ascendido Ceuta na xornada 4 de liga, sen ter conseguido puntuar. José Juan Romero asumiu o reto de poñerse á fronte da entidade caballa debutando cunha prometedora vitoria, pero despois encadeou cinco derrotas que manteñen o seu equipo na penúltima posición e a sete puntos da zona de salvación.
Esa mesma xornada o San Fernando, que era 14º na táboa, prescindiu de Nacho Castro tras unha vitoria, un empate e dúas derrotas. Salva Ballesta substituíulle e aínda que comezou con dous triunfos e dous empates, agora enlazou dúas derrotas, a última en Pasarón, para ser 12º na clasificación e ver como o revulsivo no banco empeza a diluírse.
Outros dous casos corresponden á zona baixa do grupo, cun Badajoz que era 16º cando prescindiu do técnico que ascendeu ao equipo, Isaac Jové, con 5 puntos de 18 posibles (unha vitoria, dous empates e tres derrotas) e que agora é 18º tras estrearse José María Salmerón con triunfo para ver como despois chegaban tres derrotas seguidas, é dicir, con 3 puntos de 12. Ademais sorprende o caso dun Talavera ascendido coa liga xa iniciada e que cesou a Rubén Gala despois de nove partidos, nos que só sumou un punto. O Seu substituto, Pedro Díaz, debutou con derrota en Córdoba para seguir como pechacancelas da competición.
Completa a nómina de cambios nos bancos o Real Club Deportivo na zona nobre da táboa. O cadro coruñés decidiu despedir a Borja Jiménez cando eran quintos pechando os postos de play-off, tras un inicio lonxe do esperado (tres vitorias, tres empates e unha derrota). Óscar Cano asumiu o mando dos de Riazor sumando desde entón dúas vitorias e unha derrota que deixan o equipo no sexto posto.
Analizando ao detalle a situación o Pontevedra é o único dos seis últimos clasificados que mantivo por agora a tranquilidade e a súa aposta no banco. Só o tempo dirá se foi a decisión acertada.
Relacionadas:
-
Arribas sentenza a un defensivo Pontevedra que segue sen gañar fóra da casa (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Álex González, principal dúbida do Pontevedra para visitar o Real Madrid Castilla: "Mañá valoraremos se viaxa ou non"
Por Diego Espiño |
-
Libasse Guèye, de volta en Pontevedra tras ser protagonista coa Selección Sub-23 de Senegal
Por Diego Espiño |
-
Brais Abelenda, Churre, Sergio Moreira... o 'parte de guerra' tras o triunfo do Pontevedra contra o San Fernando
Por Diego Espiño |
-
Cacharrón e Martín Diz, os heroes inesperados no Pontevedra que aproveitaron a súa oportunidade
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Hoxe tocaba gañar por encima de todo"
Por Almu Dapena |
-
Agónico triunfo e homenaxe a Neme en Pasarón (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |