O equipo masculino do Galaico participa na Copa de España de Clubs 2ª división
Por Redacción
A piscina compostelá de Santa Isabel foi escenario durante a fin de semana da fase territorial da Copa de España de Clubs de 2ª División.
Na cita compareceu o Club Natación Galaico co obxectivo de mellorar os seus últimos resultados e esquecer na medida do posible os problemas de adestramento que seguen sufrindo.
A pesar de non poder aliñar a todos os seus nadadores por unha lesión de Juan David Hernández, o club pontevedrés logrou mellorar a súa clasificación do último campionato autonómico ao ser o quinto mellor dos equipos participantes (1.049 puntos).
O vencedor na clasificación xeral foi o CN Portamiña (1.263 puntos), seguido por esta orde do CN Ferrol (1.171 puntos), CN Pabellón (1.129,50) e CN Arteixo (1.088).
A nivel individual destacou o papel de Daniel Sánchez ao lograr a vitoria no 50 libre e dous segundos postos en 50 costas e 100 libre. Ademais a remuda 4x50 Estilos formado por Daniel Sánchez, Cibrán Leal, Jacobo Ucha e Tomás Bouzas foi segundo, Cibrán Leal fíxose co terceiro posto en 50 Braza e Cristian Fernández foi cuarto no 1.500 e o 400 libre.