O doutor Cota, ex médico do Pontevedra, deixa a Selección Española tras máis de vinte anos de servizo
Por Redacción
A prematura eliminación de España no mundial de Qatar provoca cambios profundos no organigrama da Real Federación Española de Fútbol. Á saída do xa exseleccionador Luís Enrique e do director deportivo Jose Francisco Molina, únese a do médico Juan José García Cota.
Coñecido no mundo do fútbol como Doutor Cota, o cirurxián levaba sendo o médico da selección absoluta durante máis de dúas décadas, nas que participou ata en catro mundiais gañándose o respecto, agarimo e amizade de grandes figuras do fútbol español como Fernando Torres, David Villa, Xabi Alonso ou Sergio Busquets.
O punto e final a esta duradeira relación produciuse este xoves a través dunha chamada telefónica. O novo director deportivo, o exdeportivista Albert Luque, telefonou ao médico para comunicarlle a decisión da RFEF. "Foi unha conversacion moi curta. os que mandan decidiron que hai cambios e que é o máis conveniente para todos", explicou o doutor Cota con naturalidade ante as cámaras da Televisión de Galicia.
Non hai rancor nin enfado nas súas verbas. "Chegas cunha chamada e o máis probable é que che vaias con outra chamada", argumentou desde a súa oficina das clínicas do Real Club Celta de Vigo, institución coa que compaxinaba o seu traballo na Selección e na que seguirá como xefe dos servizos médicos do conxunto vigués.
Xa fóra da Selección, o doutor Cota bota a vista atrás e non ten máis que mensaxes de agradecemento por todo o vivido na RFEF. "Quedo coa xente que neste camiño de 23 anos coñeces, xente fantástica que non sae nos medios de comunicación, coa que convives día a día, que prepara os partidos e que arranxa calquera problema que poidas ter durante as concentracións", declara o médico para pechar a súa etapa no combinado nacional.
A súa relación co fútbol non se limita unicamente á Selección e ao Celta, García Cota garda tamén un estreito vínculo co Pontevedra. Foi o médico do equipo durante a primeira etapa de Jose Aurelio Gai en Pasarón, época na que o conxunto granate logrou o ascenso a Segunda División.
Relacionadas:
-
O doutor Cota recibe a Medalla de Prata da Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
O doutor Cota, exmédico do Pontevedra e da Selección, será galardoado co Premio Medicina e Deporte
Por Redacción |
-
O Celta sorprende ao doutor Cota cun emotivo vídeo protagonizado polas estrelas do fútbol español
Por Manu Otero |
-
Ascender co Pontevedra, co Celta ou gañar o Mundial: Que recordo emociona máis ao doutor Cota?
Por Diego Espiño |
-
José Enrique, defensa do Liverpool, opérase en Pontevedra dunha lesión no seu xeonllo dereito
Por Redacción |
-
Fran Rico recae da súa lesión de xeonllo e é sometido a unha artroscopia en Pontevedra polo doutor Cota
Por Ramiro Espiño |