O Arxil despide o ano en León buscando continuar a boa xeira de resultados
Por Redacción
Unha difícil saída ten por diante o Arxil para pechar o ano 2013. Xogará este sábado na cancha do Aros de León, un equipo que vén de gañar comodamente en Vilagarcía contra o Cortegada. O principal obxectivo das pontevedresas será continuar co bo momento de forma que parecen estar gozando e que lle levou a lograr dúas vitorias consecutivas, ante o Universidade de Oviedo e o Celta Selmark.
O rival do Arxil suma en liga unha vitoria máis que eles, catro, e conta entre as súas filas con dúas xogadoras ás que as pontevedresas deberán vixiar de preto, a americana Jennifer Sandria George e a canteirana Lucía Alonso, unha das novas promesas do baloncesto feminino español. Un equipo que se caracteriza pola súa agresiva defensa e que demostrou ser difícil de bater. Só perdeu un partido na casa, foi na primeira xornada ante en Ensino de Lugo.
O director deportivo do Arxil, Lino Vázquez, afirma ante este partido que o seu persoal afronta este desprazamento "sen presión algunha", ao entender que con tres vitorias en sete partidos "chegamos cos deberes feitos". En todo caso, asegura que será un partido "raro", xa que a relaxación ante as inminentes vacacións navideñas pode marcar o transcurso do partido.
En canto ás lesións, Mayte Méndez seguirá sen poder contar con Cristina Díaz e María Quiroga, quen aínda están en proceso de recuperación.