Toni Otero alza a voz polo céspede de Pasarón: "Os encargados de salvar ao equipo somos uns, pero hai xente á que lle custa sumar"
Por Manu Otero
O adestrador do Pontevedra, Toni Otero, aproveitou a presentación da nova fichaxe Gonzalo Bueno para expresar o seu profundo malestar polo estado do céspede de Pasarón, convertido nun lodeiro durante as fortes choivas da época do Nadal e agora cuberto de area como remedio para acabar cos charcos e que o resembrado chegue a bo porto.
"O campo vémolo todos, non teño notificación de ninguén, o xardineiro non me colle o teléfono. Non sabemos nin como está e levamos dous meses sen utilizalo", protestou o técnico despois de relacionar a lesión de Samu Araújo co estado do campo. "Samu lesiónase nunha acción mala polo estado de como está o campo", asegura o preparador, quen engade que Luís Martínez e Charles arrastran tamén sobrecargas pola dureza do firme de Pasarón.
Neste sentido, lamenta que o esforzo que os xogadores e o corpo técnico están a realizar por manter viva a esperanza da permanencia non se ve correspondido co traballo realizado por outras áreas do club. "Ás veces é complicado, a xente quere moitas cousas e é complicado. Os encargados de salvar ao equipo somos uns, pero hai que sumar todos e hai xente á que lle custa sumar", afirmou Otero en clara alusión ao xardineiro da entidade. "Hai un responsable que se chama Anxo, a el é ao que hai que preguntarlle polo campo, que non é un xardín, é un campo", engadiu.
O discurso do preparador vigués contrasta cos argumentos esgrimidos fai quince días pola presidenta do club, Lupe Murillo, quen puxo en valor o esforzo da entidade e dos seus traballadores para manter o campo no mellor estado posible. "En nove anos non sempre estivo moi mal. Podemos felicitarnos porque case somos expertos en xardinería no canto de tirarnos tantas pedras", declaraba a mandataria a principios do mes de febreiro, nun discurso no que remarcou que a única solución ao mal estado do céspede é "levantar Pasarón", un investimento que non é competencia do Pontevedra.
Neste sentido, recalcaba Murillo que "as choivas torrenciais caídas sobre a cidade non foron habituais e non son problema do Pontevedra, pero é a única entidade que está aquí para arranxalo".
Á marxe do estado do céspede, Toni Otero fixo repaso dos problemas físicos que arrastran moitos dos xogadores do primeiro equipo. Samu Araújo padece unha grave lesión cuxo alcance está aínda por determinar, Alberto Rubio sofre un golpe no xeonllo, Yelko Pino "non termina de mellorar" e Borja Domínguez "non pode xogar máis de 45 minutos". Para ter máis datos da saúde do equipo, o corpo técnico expuxo este luns un adestramento máis longo do habitual para comprobar a resposta dos xogadores. "Non estou preocupado, pero si hai que estar atento a como está todo o mundo", rematou Otero.
Relacionadas:
-
Lores, sobre o céspede de Pasarón: "O mantemento xeral e especialmente do terreo de xogo é competencia do clube"
Por Manu Otero |
-
A falta de contundencia condena a un Pontevedra ferido e afundido no abismo do descenso (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |
-
Toni Otero, tras a vitoria ante a Cultural Leonesa: "Era un paso que tiñamos que dar"
Por Almu Dapena |
-
Toni Otero segue perdendo efectivos para un partido "importante pero non definitivo"
Por Manu Otero |
-
Toni Otero: "Entendo que a xente quere vitorias pero o equipo está a crecer"
Por Redacción |