Máis da metade dos ximnastas acrobáticos están en risco de padecer trastornos alimenticios
Por Redacción
A ximnasia acrobática é un dos chamados “deportes estéticos” nos que tanto a “forza, flexibilidade, velocidade, coordinación e equilibrio” como “unha boa imaxe corporal” resultan “determinantes no éxito”. Esta é a premisa do estudo realizado pola investigadora e antiga ximnasta Alicia Salas, quen advirte que “unha preocupación excesiva polo peso ou a alteración da imaxe corporal” poden levar a "desordes alimentarios".
Avaliar o grao de insatisfacción corporal e a posibilidade de sufrir trastornos da conduta alimentaria daquelas persoas que compiten nesta disciplina foi o obxectivo da investigación que Salas Morillas desenvolveu para a súa tese de doutoramento e na que contou coa participación de 130 ximnastas federados.
Máis da metade dos participantes neste estudo, o 52,6%, “presentaron risco de desenvolver trastornos de conduta alimentaria”, caracterizados, explica, “por anormalidades no comportamento de inxestión de alimentos como intento para controlar o peso, cuxa base se atopa nunha alteración psicolóxica”.
Dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e a docente da Universidad de Granada Mercedes Vernetta, a tese "Insatisfacción corporal y trastornos de conducta alimentaria en gimnastas de acrobática en función del género, edad y nivel competitivo" é a primeira investigación sobre a incidencia que poderían ter neste deporte este tipo de trastornos.
Como explica Salas, este aspecto xa foi analizado noutras disciplinas ximnásticas, mais non no caso da acrobática, onde “si existen estudos precedentes” sobre a insatisfacción corporal, outro dos aspectos nos que afonda o seu traballo.
Desenvolvida no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, Salas levou a cabo esta tese con 130 ximnastas de entre 9 e 21 anos, 56 deles participantes en competicións de nivel internacional e 74, de nivel nacional.
O estudo abrangueu, por unha banda, a medición dunha serie de variables antropométricas, que permitiron constatar que a maioría das e dos ximnastas presenta “un índice de masa corporal saudable” e unha baixa porcentaxe de graxa corporal.
Por outro lado, analizáronse a través de dous test unha serie de “variables psicosociais”, que amosaron a “insatisfacción corporal” como a principal causa, xunto coa “obsesión pola delgadeza e os comportamentos bulímicos”, dos trastornos da conduta alimentaria, que se dan en maior medida nas deportistas mulleres.
O 52,6 % dos participantes no estudo presentaron risco de desenvolver este tipo de trastornos, en maior medida nas deportistas “de maior categoría”, nas que se observa tamén “maior preocupación polo peso e a súa imaxe corporal”, explica Salas.
Non obstante, a investigadora tamén matiza que non se rexistraron “grandes diferencias” con respecto dos ximnastas homes, nos que este risco dábase tamén en “porcentaxes elevadas”, ao igual que tampouco aconteceu entre os competidores nacionais e internacionais.
Foi a propia experiencia de Salas como ximnasta acrobática a que serviu como punto de partida para esta investigación. “O que comezou por diversión terminou sendo unha paixón que ocupaba o primeiro posto das miñas prioridades", recoñece dun deporte no que se iniciou con nove anos e no que competiu ata os 21, chegando a formar parte en 2012 da selección española no Campionato do Mundo por Idades celebrado nos Estados Unidos.
“Tras multitude de anos neste deporte e o sufrimento ao meu redor e na miña persoa de certos aspectos que se tratan nesta tese, sempre me chamaron a atención os factores psicosociais no deporte e considero que a ximnasia acrobática ten pouca investigación realizada neste eido”, sinala Salas, que exerceu tamén como adestradora no club no que se formou, o Acróbatos de Granada.
Nese senso, o obxectivo desta tese non era só avanzar no estudo desta disciplina, senón tamén “propor posibles recomendacións” que poidan incidir positivamente na saúde dos ximnastas. A este respecto, Salas pon o aceno en que “debería prestarse especial atención á formación da satisfacción corporal e o coñecemento dos requisitos morfolóxicos e, polo tanto, de alimentación que debe ter un deportista” nesta disciplina, xa que deste xeito “podería reducirse o risco de sufrir ditos trastornos”.