Defenden o "papel vital" dos surfistas para evitar afogamentos nas praias
Por Redacción
Os surfistas, como deportistas expertos no mar, adoitan ser auténticos anxos da garda para os bañistas. Así o acredita un estudo elaborado no campus de Pontevedra, que conclúe que ocho de cada dez persoas que practican este deporte en España e Portugal participaron nun rescate.
A través dun cuestionario que responderon 2.048 surfistas destes dous países, revelouse que o 78,5% eles, un 91% homes, tiveron que realizar cando menos un rescate na súa vida. Na metade dos casos, foron rescates en praias non vixiadas ou fóra do horario de vixilancia.
Pero a pesar de que máis do 37% dos participantes contaba con máis de vinte anos de experiencia na práctica do surf, a gran maioría non tiñan coñecementos esenciais sobre manobras de rescate e reanimación. Só un de cada catro tiña experiencia profesional como socorrista e o 36% nunca realizara un curso sobre reanimación cardiopulmonar.
Estas son as principais conclusións deste traballo, elaborado polo adestrador de surf e natación Joel de Oliveira como parte da tese de doutoramento que defendeu recentemente na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Esta é, segundo o autor, a primeira investigación que busca "caracterizar" os rescates realizados por surfistas de Portugal e España. Na península ibérica, non existían datos respecto da frecuencia e condicións dos rescates acuáticos nos que interveñen os surfistas.
A pesar da falta de formación, subliña De Oliveira, os surfistas "teñen experiencia na auga, coñecen os principais perigos asociados co risco de afogamento e son na súa maioría nadadores competentes", polo que poden ter un "papel vital" á hora de prever afogamentos.
Así, no caso dos episodios "máis graves”" só o 19% das vítimas pediran axuda, mentres que na maioría dos rescates "o surfista viu á persoa en perigo e decidiu axudar".
Maioritariamente, os rescates producíronse despois de que os bañistas quedaran atrapadas nunha corrente de resaca, fluxos de auga "que poden arrastrar aos bañistas lonxe da costa rapidamente" e que os surfistas empregan "para chegar a área onde rompen as ondas".
No marco desta tese, Joel de Oliveira incluiu tamén unha análise das prácticas educativas en relación coa prevención de lesións e afogamentos, destacando o papel que os instrutores poden desempeñar para ensinar aos deportistas como responder ante un posible afogamento.
O traballo complétase cun estudo dirixido a avaliar un programa piloto de formación, baseado no uso dun vídeo de ficción sobre as correntes de resaca, levado a cabo con 120 mozos e mozas de entre 14 e 16 anos, residentes na provincia de Pontevedra.
Este traballo permitiu constatar que máis da metade non coñecían as correntes de resaca ou non as identificaban nunha zona de baño. Tras este proxecto, case dous terzos dos participantes afirmaron que escollerían un lugar de baño "máis seguro" e preto do 80% aprenderon como actuar en caso de verse envoltos nunha corrente de resaca.