Toni Otero: "Imos a Ferrol coa ilusión de gañar porque non hai nada que perder"
Por Manu Otero
O Pontevedra afronta este domingo (17 horas) un difícil reto na súa carreira pola permanencia. Os granates visitan na Malata ao Racing de Ferrol, un equipo que aspira a diputar a fase de ascenso, mentres que os de Pasarón apuran as súas opcións para manter a categoría. Ademais das diferenzas na táboa clasificatoria, o estado físico de ambos os persoais será un factor diferencial.
"Cos que estamos iremos gañar e a competir o partido. Eles están todos menos Alex Lopez e os laterais. É unha situación de desvantaxe, pero o equipo está ilusionado", sostén o adestrador do Pontevedra, Toni Otero.
Son numerosos os xogadores que adestraron entre algodóns ao longo da semana. Descartada está a presenza dos lesionados Samu Araújo, Rufo, Valentín Jaichenco e Brais Abelenda. Con todo, esta semana outros xogadores apenas adestraron co grupo é o caso de Alberto Rubio, practicamente descartado; Seoane ou Yelko Pino, que arrastran sobrecargas que lles impedirán xogar desde o inicio do partido do domingo. Tamén é unha incógnita o estado de Borja Domínguez, que non está preparado para xogar 90 minutos. Pola contra, Ángel Bastos, lesionado desde novembro, regresará esta fin de semana ás convocatorias.
Con este panorama, non quedará máis remedio a Otero que tirar da canteira para completar a convocatoria. Sergio Abal ocupará o oco de Araújo, Víctor Casais e Martín Diz volverán ter minutos e Berni ten opcións de viaxar por primeira vez co primeiro equipo.
"Eu non penso na presión. Víctor e Martín foron os primeiros cambios, teño que confiar neles e logo demostrarán ou non. Non creo que teñan máis nervios, o que teñen é ilusión. Escóitanche fan o que lles pides e iso ás veces é mellor que ter máis calidade. Eu estou encantado coa canteira e cos rapaces que veñen de abaixo. Hai que poñelos a xogar, non teño temor, tento axudarlles e que a xente entenda que o futbol galego é forte e os rapaces valen tanto como os de fóra. Por iso xógoma e digo que prefiro non traer a ninguén, porque o que teño en casa vaime a escoitar e vai tirar do equipo", explica Otero a súa confianza nos xogadores das categorías inferiores.
Outro que tampouco estará esta semana é o recentemente chegado Gonzalo Bueno. Por temas burocráticos o club aínda non puido tramitarlle a ficha, algo que esperan solucionar pronto. Con todo, a nivel físico o uruguaio tampouco está en condicións para participar nos partidos.
Sobre o "complicado" encontro do domingo, Toni Otero móstrase "ilusionado" e está seguro de que "se gañamos, saímos do descenso". Con todo, sabe das diferenzas de calidade, efectivos e dinámicas entre ambos os persoais, polo que prefire quitar presión aos seus xogadores. "Os xogadores, e eu tamén, teñen unha ilusion tremenda de gañar en Ferrol. Imos ao partido coa ilusion de gañalo porque non hai nada que perder. Pódese gañar en Ferrol e en calquera lado porque é unha liga moi igualada", sostén o preparador vigués.
Con todo, os locais venderán moi cara a derrota. "O Racing é moi potente a balón parado (o 24 % dos seus goles a favor chegaron desde o córner) e moi rápido en transicións ofensivas, se se pon por diante é un equipo moi perigoso. Pero hai fórmulas, podemos facerlles dano", confía Otero.
Aínda que o inmediato manda, desde o vestiario de Pasarón miran ao horizonte onde aparecen tres partidos fundamentais. Ceuta, Fuenlabrada e Alxeciras, rivais directos pola permanencia, serán os seguintes equipos aos que se enfrontarán os granates. "Vénnos un mes complicado no que temos que dar un paso adiante e dar o 100 % neses partidos. Pero temos que ir a un sitio antes con todas as ganas de gañar do mundo", confesa o adestrador.
Toni Otero tamén quixo matizar as súas queixas do pasado luns sobre o estado do céspede de Pasarón e a imposibilidade de adestrar sobre el. "Para nós adestrar no campo é fundamental, nós expomos un partido no que non sabiamos nin como rodaba o balón e é o noso campo. A min non me importa tanto as condicións do campo, mentres esteamos habituados a el. Pero se non adestras nese campo é imposible habituarse", argumenta o preparador.
Aínda así, quixo poñer en valor Otero o esforzo do club por recuperar o céspede. "Eu entendo o esforzo do club, que tiveron que facer un investimento de diñeiro que non contaban con el". Pero pide comprensión tamén pola parte que lle toca. "Non sempre, pero de cando en vez o equipo ten que adestrar aí, porque se non non estamos adaptados ao noso medio. Dá igual como estea o campo, embarrado ou con area, se estamos adaptados a iso corremos cunha vantaxe", reclama o técnico, que tampouco quixo ocultar o seu malestar acerca de "un rumor de que non me van a deixar adestrar no campo ningun día mais".
Este venres tamén compareceu ante a prensa o adestrador do Racing de Ferrol, Cristóbal Parralo, para valorar a semana de traballo e o partido do domingo. Sobre o Pontevedra recoñeceu terlle "moito respecto, pero non temor". Como Otero, está seguro de que vai ser un partido complicado porque "nesta categoria non hai un partido onde te poidas relaxar, son todos partidos moi axustados", remarca.
Así mesmo, afirma ter moi ben estudado ao Pontevedra. "Vemos cales son os seus sistemas e que fan dentro do campo. Toni Otero leva catro partidos e cambiou bastantes cousas. Sempre hai que telas en conta", dixo Parralo preocupado pola inxección de confianza que supuxo a pasada vitoria dos granates sobre a Cultural Leonesa. "Failles crer en que todo é posible", rematou.
Relacionadas:
-
Enigma Yelko Pino
Por Manu Otero |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra amplía ata este venres o prazo para reservar praza no bus a Ferrol
Por Manu Otero |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |
-
O Racing de Ferrol confía en manter o seu acerto anotador na visita do Pontevedra
Por Manu Otero |