Enigma Yelko Pino
Por Manu Otero
Que pasa con Yelko Pino? O mediocentro vigués non disputa os noventa minutos de xogo desde o partido entre o Pontevedra e o Real Madrid Castela do 29 de xaneiro en Pasarón. Perdeuse o duelo seguinte en Balaídos, regresou para xogar vinte minutos contra a Cultural e no desprazamento á Malata, xa lesionado, saíu cinco minutos para forzar a quinta amarela e cumprir a súa sanción mentres se recuperaba.
Con todo nunca volveu. A pesar de non haber comunicado oficial sobre o seu estado físico, o xogador mostraba fortes molestias na zona inguinal da súa perna dereita. As lesións que afectan ao publis ou aductores adoitan ser latosas e moi dolorosas. O propio Diego Seoane tardou varios meses en recuperar o seu nivel tras un verán parado.
Pero neste caso a situación é moi diferente. Juan Señor, adestrador que substituíu ao principal defensor de Pino e artífice da súa fichaxe polo club de Pasarón, Toni Otero; sementou dúbidas hai unha semana sobre a existencia dunha lesión na rolda de prensa previa ao enfrontamento contra o Córdoba. "Ten molestias e imos crer ao xogador", dixo aquel venres. Unha crítica velada cara ao futbolista que se acrecentou este domingo na sala de prensa de Santo Domingo, onde afirmou que o mediocentro non ten ningunha lesión.
Nunha pregunta sobre a ausencia de Martín Diz da convocatoria, na que o xornalista non se referiu ao futbolista vigués, Juan Señor respondeu: "(Martín Diz) non está lesionado, tampouco Yelko". Acto seguido, o técnico quixo resolver o debate ao declarar "deixamos iso xa e falamos deste partido e o que nos queda". Unha resposta que aproveitou tamén para xustificar o redebut Gueye. "Liba leva un mes connosco e tivo os seus primeiros minutos. É un xogador máis", afirmou deixando claro que a situación extradeportiva da súa fuga inxustificada forma xa parte do pasado.
En referencia á situación de Pino, desde a súa desaparición das convocatorias tras o partido contra o Racing de Ferrol, o futbolista alternou sesións de traballo en solitario no ximnasio con exercicios sobre o céspede co grupo. Tras a chegada de Señor, a súa presenza no campo de adestramento da Xunqueira foi máis habitual, sobre todo nas tres últimas semanas. Con todo, nos exercicios de posesión ou pases o centrocampista adoita portar un peto vermello para exercer de comodín e formar parte do equipo que ten a posesión para evitar que realice esforzos defensivos. Tampouco acostuma a terminar a sesión co resto dos seus compañeiros, pois se retira antes para realizar traballo específico co preparador físico.
O regreso ás convocatorias de Yelko Pino dependerá, unha vez descartada a lesión, das súas sensacións físicas e do 'feeling' co novo adestrador.
Relacionadas:
-
Yelko entra na convocatoria para medirse ao Mérida, pero non Rufo: "É o único que imos preservar"
Por Diego Espiño |
-
Señor: "Tivemos ao Alcorcón contra as cordas pero faltounos resolución"
Por Redacción |
-
Juan Señor quere un Pontevedra "máis resolutivo" en ataque
Por Manu Otero |
-
Samu Araújo e Yelko Pino xa traballan co grupo, do que caen Brais e Rufo
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra recupera efectivos nun plantel no que Yelko, Valen, Samu e Bueno seguen de baixa
Por Manu Otero |
-
Toni Otero: "Imos a Ferrol coa ilusión de gañar porque non hai nada que perder"
Por Manu Otero |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |