Toni Otero, tras o encontro contra o Racing de Ferrol: "Este partido decidiuno o árbitro"
Por Almu Dapena
O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Toni Otero, tras a derrota do seu equipo contra o Racing de Ferrol, mostrouse moi crítico coa actuación arbitral: "Este partido decidiuno o árbitro. Quizá nós non tivemos ocasións ou non estivemos acertados no último cuarto de campo, pero as decisións arbitrais hoxe decidiron este partido".
De feito, Otero considera que os seus xogadores tiveron controlado o partido ata o 1-0 e aos xogadores do Ferrol "custoulles saír co balón, contraatacáronnos" e "un erro dese calibre -gol en fóra de xogo e man- creo que llo deben ver, as imaxes están aí".
Admite que el non é de queixarse, pero sostén que "viñemos cunha situación moi complicada e é certo que temos que empezar a recuperar xente", pero "creo que o meu equipo competiu dunha forma incrible".
E é que á lista de lesionados sumouse este venres Charles por un golpe no xeonllo no adestramento, Ángel estaba para 20 minutos e Yelko unicamente para ver a tarxeta amarela xa que "ten que parar dúas ou tres semanas". Son cambios "para que a xente faga minutos e estea recuperada para outro momento, ao final esas cousas van restando".
Con todo, Toni Otero está "orgulloso da xente que saíu, tivemos que saír con dous laterais que son centrais" e, para máis inri, "Derik lesiónase e temos que meter a Álex atrás. É unha tras outra", recoñeceu.
Agora, o que lle importa ao técnico granate é o mes de marzo, "vital e clave. Non podemos poñernos unha venda nos ollos e agora queda Ceuta, que é unha final, e esperemos que empecemos a recuperar efectivos".
Con todo, non busca escusas con estas ausencias, pero si sostén que con esta situación "non sabes como recompoñer. Non son escusas, é unha realidade. Estou orgulloso do esforzo e estou seguro de que se xogamos con esta capacidade de sacrificio o resto de partido o equipo fará dano".