Tres etapas para volver conectar co pelotón da permanencia
Por Manu Otero
Tourmalet, Aubisque, Peyresourde e Portet. Os amantes da bicicleta recoñecerán o nome de catro dos portos de montaña máis duros dos Pireneos. Pois se o fútbol fose ciclismo, o Pontevedra acaba de superar a etapa reina da competición. Non lucirán os granates a camisola de lunares, pero sufriron un desfalecemento como para dicir adeus á carreira.
Real Madrid Castilla, Celta B, Cultural Leonesa ou Racing de Ferrol. Catro puntos de doce posibles fronte a estes colosos que aspiran a disputar a fase de ascenso. Aínda están por vir os esixentes picos dos Alpes pero a grupeta granate debe afrontar agora unha serie de etapas chairas coas que recuperar forzas e volver conectar co pelotón.
A primeira será unha esixente contrarreloxo, o domingo ás 12 horas en Pasarón contra o Ceuta e co faroliño vermello en xogo. Seguiralle unha visita a Fuenlabrada e un novo encontro como local contra o Alxeciras. Tres partidos contra rivais directos que marcarán as opcións de permanencia en Primeira Federación para o Pontevedra.
Con 24 encontros xogados e 14 por disputar, os de Toni Otero teñen 22 puntos, só un máis que o pechacancelas Ceuta, e están a cinco puntos da salvación, que a marca o San Fernando con 27 puntos.
Os resultados da recentemente finalizada xornada tampouco beneficiaron aos granates, que viron como se afastaban rivais directos como o San Fernando, Fuenlabrada ou Alxeciras, así como o Ceuta, que goleou ao Majadahonda para enlazar o seu terceiro triunfo consecutivo e sexta xornada consecutiva sen perder, axexa xa a un só punto.
O Pontevedra non pode permitirse perder ningún destes tres partidos, posto que unha derrota non só impediría aos de Otero escalar postos na clasificación, senón que afastaría aínda máis a rivais directos. Tras a rolda contra estes tres equipos da súa liga, aparecen no horizonte outras etapas de montaña con picos como os do Linares, Córdoba ou Alcorcón, cunha escala en Majadahonda a finais do mes de marzo.
Relacionadas:
-
A falta de contundencia condena a un Pontevedra ferido e afundido no abismo do descenso (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Toni Otero, sobre a final contra o Ceuta: "Non se nos pasa pola cabeza perder"
Por Manu Otero |
-
O Ceuta, pechacancelas e equipo máis en forma da liga, é a primeira das tres finais do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero |
-
Unha entrada gratis para cada socio para encher Pasarón na primeira final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Toni Otero, tras o encontro contra o Racing de Ferrol: "Este partido decidiuno o árbitro"
Por Almu Dapena |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |
-
Un enorme Pontevedra gaña á Cultural Leonesa e permítese soñar coa salvación (1-0)
Por Almu Dapena |