4 de marzo, data das primeiras xornadas de escalada en feminino do Club Aromon
O club de montañeiros Aromon realiza o sábado 4 de marzo as súas primeiras xornadas de escalada dirixidas exclusivamente ao público feminino a partir dos 5 anos.
As xornadas inícianse pola mañá e teñen unha duración dunha hora e media. Na quenda de mañá, o horario previsto establécese desde as 10:30 da mañá ata as 12:00 ou desde as 12:00 ata a 13:30.
Durante estas franxas horarias a escalada vai desenvolverse no rocódromo da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte do campus universitario de Pontevedra.
As mulleres interesadas en asistir no horario de tarde, tamén disporán de dúas opcións: desde as 16:30 ás 18:00 ou desde as 18:00 ás 19:30. Neste caso, o lugar no que se realiza a actividade durante a tarde é no rocódromo do Pavillón Multiusos A Xunqueira.
Estas xornadas xorden porque durante as inscricións nas escolas deportivas municipais rexistrouse unha demanda de 193 solicitudes para 60 prazas dispoñibles en escalada, comenta Águeda Gutiérrez, vogal de escalada do club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo.
Nestas solicitudes púidose observar un aumento na demanda do público feminino. Esta iniciativa tamén se puxo en marcha porque son conscientes de que hai menos mulleres que homes realizando o deporte, comenta Gutiérrez a PontevedraViva.
Por estes motivos, deciden realizar as xornadas para dar a coñecer e incentivar o público feminino a que realicen escalada, comenta a integrante deste club.
A actividade que se realizará o sábado 4 de marzo terá unha duración dunha hora e media e os grupos serán dun máximo de 20 persoas.
Ao longo deste período de tempo, realizarán unha explicación sobre como poñer os elementos necesarios para realizar a actividade como o arnés; o casco; o pé de gato, que son as zapatillas utilizadas polos escaladores e tamén expoñerán como subir e baixar o rocódromo, ademais de realizar uns exercicios para prepararse para a práctica deste deporte.
Os organizadores teñen en conta que haberá numerosas persoas que son principiantes, segundo a vogal do club Aromon, xa que de 40 mulleres que se apuntaron, máis de 30 non tiveron contacto coa escalada. Por mor disto, haberá niveis adaptados ás capacidades físicas de cada persoa.
No caso de estar interesada en acudir á actividade, promovida tamén con motivo do Día Internacional da Muller, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de marzo e debe realizarse a través desta ligazón.