O baile volve a Pontevedra nunha nova edición de 'Galidance Intensive'
Tras unha fin de semana marcada polo Campionato de España de baile deportivo, a cidade do Lérez volverá ser anfitrioa dunhas novas xornadas de danza. O Recinto Feiral acollerá os días 3, 4 e 5 de abril a II edición de Galidance Intensive, un evento organizado por Plié Dance School en colaboración co concello de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou esta nova edición destacando o éxito da primeira entrega celebrada en decembro do 2021. O edil, que estivo acompañado na presentación pola directora de Plié Dance School, Pilar Torelli, explicou a importancia deste tipo de actividades en Pontevedra definíndoas como unha "marca propia".
O concelleiro apuntaba que un dos obxectivos desta nova edición é consolidar Galidance na cidade de Pontevedra para "ser un elemento referente no mundo do baile e da danza, non só de Galicia senón de todo o Estado". Fernández afirmaba que espera unha gran afluencia de xente, algo que se pode ver reforzado debido á proximidade da data á Semana Santa.
A directora de Plié Dance School, Pilar Torelli, explicaba que as xornadas durarán tres días. A programación contará con catro clases diarias intensivas cunha duración dunha hora e media cada unha, polo que haberá un total de 18 horas de formación.
Esta edición contará con profesores nacionais e internacionais, que impartirán sesións centradas na danza urbana e contemporánea. Exemplo diso son algúns nomes como Marthe Vangeel, profesora de Dancehall en Amsterdam, ou Evelio, profesor de Heels (tacóns).
Completando a lista de profesores están Sergio Póveda, coñecido bailarín en TikTok; Fran Herrezuelo, concursante de Fama a Bailar 2018; Leire Dallas, bailarina de artistas como Bad Gyal ou Nicki Nicole; Carlos Díaz, bailarín e coreógrafo internacional; Exon Arcos, con presencia en Eurovisión 2022; Marshall, que colaborou con artistas como Nicky Jam; e Diana Wondy, gañadora de Fama a Bailar 2018.
O programa ofrece tres packs diferentes: o Bono Básic, que permite asistir un día e ten un custo de 110 euros; para dous días está o Bono Medium, cun prezo de 130 euros; e o Bono Full Pack, que permite asistir á totalidade do evento cun custo de 205 euros.
Torrelli coincidía co concelleiro en que "o baile nos xera felicidade. A enerxía que se crea nese espazo dá ganas de volver", animando á xente para asistir a esta II edición.
A data de fin de reservas é o 31 de marzo e a inscrición realízase nas redes sociais da escola @pliedanceschool, chamando ao número + 34 604 06 67 91 ou no correo electrónico hola@pliedanceschool.net.