Galidance Intensive, a cita coa aprendizaxe en danzas urbanas regresa a Pontevedra
Por María José Pita
Entre os vindeiros 25 e 27 de marzo o Recinto Feiral de Pontevedra acollerá a terceira edición de Galidance Intensive, un evento organizado por Plié Dance School en colaboración co Concello de Pontevedra.
Durante tres días, desenvolveranse clases prácticas de diversos estilos de danza: urbana, dancehall, contemporánea e danceheels.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacaba que este evento vai atraer a moitos profesionais do mundo da danza que van poder aprender con profesionais de primeiro nivel.
Pola súa banda, as responsables de Plié Dance School, Pilar e Milena Torelli, explicaban que a formación se organizará en catro clases diarias intensivas cunha duración dunha hora e media cada unha, polo que haberá un total de 18 horas de formación total. Pódese asistir a unha xornada ou ben inscribirse para os tres días.
As organizadoras destacaban a oportunidade de ter en Pontevedra un cadro de profesores que son referencia no mundo da danza contemporánea. Sinalaba a súa propia experiencia, na que para formarse tivo que marchar fóra de Galicia.
Esta edición contará con profesores nacionais e internacionais, como Marthe Vangeel, profesora de dancehall en Amsterdam; Fonsi López, membro do ensemble no Ballet Augsburg de Alemaña; Sergio Poveda, bailarín e coreógrafo profesional de commercial, formado en Budapest; ou Lola Beckers, bailarina e coreógrafa profesional dos Países Baixos.
Toda a información está publicada na páxina de Instagram: @galidanceintensive. Para recibir o formulario de inscrición, hai que contactar coa organización a través do teléfono 604 066 791, as redes sociais da academia @pliedanceschool ou no correo hola@pliedanceschool.net.