Concello e Barro CF renovan o convenio de colaboración para este ano
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mantivo un encontro co presidente do Barro CF, José Sanmartín, e co secretario da entidade, Juan José Pena, no que procederon á sinatura da renovación do convenio de colaboración para o ano 2023.
Grazas a este convenio o Barro CF percibirá unha cantidade económica de 6.000 euros que se dedicará a sufragar os gastos do clube, a cambio deste importe a entidade deportiva comprométese a dedicar os seus esforzos na formación deportiva dos rapaces de Barro que queiran xogar ao fútbol, fomentando o deporte entre a rapazada e rompendo todas as barreiras de xénero.
Nesta xuntanza, ademais da sinatura do convenio, o alcalde comunicou que o Concello acometerá neste presente ano un proxecto para a substitución da cuberta do pavillón de Santo Antoniño.
As obras non se limitarán só ao cambio da cuberta, pois tamén se executarán outros traballos como a substitución da caldeira ou melloras na accesibilidade.
Abraldes valora moi positivamente o labor que fai o Barro CF "realizan un moi bo traballo en canto a fomentar a práctica deportiva entre os nenos e nenas do concello, ao que hai que sumar todas as actividades de dinamización que realizan ao largo do ano".
En canto ao pavillón sinala que "a cuberta no seu día foi executada con materiais moi sinxelos que co sol e o frío se foron corrompendo en pouco tempo e que xa non admite máis reparacións e filtra auga, por iso agora imos proceder á súa renovación total, porque un equipamento deportivo tan usado coma este ten que estar nas mellores condicións posibles".