O exgranate Fran Rico inicia a súa carreira nos bancos como segundo de Mendilíbar no Sevilla
Por Manu Otero
Nova aventura futbolística para a última gran perla da canteira granate. Despois de colgar as botas e pasar polas secretarías técnicas de Éibar e Sporting de Xixón, Fran Rico inicia a súa carreira como técnico como axudante de Mendilíbar nun dos bancos máis ilustres do futbol español e europeo, o do Sevilla.
O técnico vasco será presentado este mércores no Ramón Sánchez Pizjuán co obxectivo de reconducir o rumbo dun equipo que vai camiño do descenso a Segunda División nunha tempada na que nin Lopetegui nin Sampaoli foron capaces de sacar rendemento a un plantel deseñado para clasificarse para competicións europeas.
Xunto ao de Zaldíbar estará Fran Rico. Ambos os dous coñécense da súa etapa común no Éibar, equipo no que o futbolista de Caneliñas estivo durante as tempadas 2016-2017 e 2017-2018, as dúas en Primeira División. O corpo técnico de Mendilíbar complétao o seu preparador físico de confianza, Toni Ruiz.
O exgranate ten 35 anos e colgou as botas no 2019 despois dunha exitosa carreira en Primeira División marcada nas últimas campañas por unha lesión de xeonllo que acabou provocando a súa prematura retirada. Formado na base do Portonovo, pronto deu o salto ao Pontevedra para debutar co primeiro equipo aínda en idade xuvenil. O seu potencial, chamou a atención do Real Madrid, que o recrutou para a súa canteira. Con todo, no seu mellor momento e metido en dinámica de primeiro equipo, sufriu unha grave lesión de xeonllo que marcaría a súa carreira.
O mediocentro recuperouse e fichou polo Granada, equipo no que ofreceu a súa mellor versión dirixindo a sala de máquinas durante seis tempadas. Pero os problemas de xeonllo apareceron de novo e, tras recuperarse, fichou polo Éibar no que logrou xogar con regularidade durante unha tempada antes de volver parar. Regresou ao Granada e, despois dun duro calvario de lesións, logrou diputar un último partido na elite coa camiseta nazarí.
En Pontevedra, Rico permaneceu durante tres tempadas. Na primeira a súa presenza no once foi testemuñal, a pesar de que a afección o reclamaba xa no once. Argibay resistíase darlle oportunidades e ese foi un dos factores do seu cesamento mediada a campala 2006-2007. Javi Gracia deulle galóns e Fran Rico non decepcionou. Con todo, os granates foron incapaces de conseguir o ascenso e a perla de Caneliñas voou a Valdebebas.
Despois da súa retirada, o Éibar ofreceulle a súa primeira oportunidade nos despachos como observador, logo o Sporting de Xixón recrutouno como secretario técnico. Con todo, cando a súa carreira apuntaba cara á dirección deportiva, a chamada de Mendilíbar deu un golpe dun xiro á súa folla de roteiro. Evitar o desastre do Sevilla, pode ser o primeiro éxito dunha longa carreira nos bancos.
Relacionadas:
-
Fran Rico, un campión da Europa League con ADN granate: "Todavía no me lo creo"
Por Diego Espiño |
-
Córdoba-Pontevedra, 15 anos despois dunha dolorosa eliminación
Por Diego Espiño |
-
Corenta páxinas de oda ao fútbol pontevedrés na revista O Dez
Por Manu Otero |
-
Fran Rico colga as botas
Por Manu Otero |