O concelleiro de Deportes pide á Deputación que reconsidere a súa postura e colabore co Mundial de Dúatlon
Por Redacción
Por medio dunha carta enviada na mañá deste xoves 2 de xaneiro Agustín Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra, solicitou ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, que reconsidere a súa postura e apoie a celebración do Campionato do Mundo de Dúatlon.
A cita, que se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño na cidade de Lérez, conta dende o 22 de outubro cun comité organizador no que a administración provincial declinou participar argumentando, segundo explica na carta o propio concelleiro, "que durante 2014 se ía centrar no apoio directo aos clubs e non aos grandes eventos".
Fernández entende que tras o anuncio da Deputación de apoiar o paso da Vuelta a España pola provincia de novo en 2014 puideron "redefinirse as súas prioridades deportivas para este ano".
Por este motivo o concelleiro pide colaboración a un evento que considera "beneficioso para toda a provincia", ao esperar unha participación de máis de 1.200 deportistas entre os que destacan a cantidade de atletas que xa se pre-inscribiron dende países como Gran Bretaña, Canadá, Estados Unidos ou Sudáfrica, resultando "unha magnífica oportunidade de promover a dimensión mundial a cidade, as Rías Baixas e a provincia de Pontevedra".
A carta enviada por Agustín Fernández finaliza coa petición dunha entrevista con Rafael Louzán na que se tratarían "estas cuestións e outras que poidan ser de interese para a cidade de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Louzán a Agustín Fernández: "eu con quen teño que dialogar é co alcalde de Pontevedra, e fágoo bastante a miúdo"
Por Oskar Viéitez |
-
O Mundial de Dúatlon de Pontevedra mantén a súa data de celebración para o 31 de maio e 1 de xuño
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, a polo récord de participación no Mundial de Dúatlon
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya sobre o Mundial de Dúatlon: "Mi intención sigue siendo participar en Pontevedra, sea en la fecha que sea"
Por Diego Espiño |