Volven os tiros a porta con premio para afeccionados en Pasarón
Por Redacción
A afección granate volverá ser protagonista no próximo partido do Pontevedra en Pasarón. Non só polos seus berros de ánimo ao equipo na súa carreira pola permanencia en Primeira Federación, senón porque regresan os concursos para seareiros no descanso do partido.
O vindeiro sábado 15 de abril tres persoas terán o privilexio de pisar o céspede do templo do Lérez no tempo de descanso para participar, baixo a atenta mirada de centenares de espectadores, nun concurso en grao sumo divertido. Os tres agraciados terán a oportunidade de realizar tres lanzamentos a porta para conseguir, en caso de acertar entre os tres paus, diferentes premios.
Os interesados en participar deben seguir as instrucións compartidas polo promotor deste concurso, Abanca, que está dispoñible nas publicacións das súas redes sociais. Os requisitos principais consisten en seguir o perfil de Abanca en cada unha das redes sociais e comentar a publicación referida ao concurso mencionando a un amigo. O prazo para participar conclúe o día 9 de abril.
Os premios consisten nunha entrada dobre para o partido contra o Mérida, un cortavientos do patrocinador, un circuíto polo estadio de Pasarón para dúas persoas e a posibilidade de realizar tres lanzamentos a porta desde diferentes puntos do terreo de xogo con distintos premios en función da dificultade. Se anotan un penalti, levarán unha bufanda; se marcan desde 25 metros, unha camiseta; e se o fan desde 50 metros, un abono gratuíto para a próxima tempada.
Non é a primeira vez que os patrocinadores do Pontevedra organizan certames deste tipo. Lanzamentos a porta desde o centro do campo, meter un gol a Roelio ou unha competición de toques ao balón xa se organizaron en tempadas anteriores.
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) April 3, 2023