Fontán e Graña dan a badalada e logran o billete para a Copa do Mundo
Por Manu Otero
A regata do C2-500 do selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo celebrouse á primeira hora desta mañá de mércores con sabor agridoce para a armada pontevedresa. O doce levárono Manuel Fontán e Pablo Graña, cuxo segundo posto serviulles para conseguir a clasificación; o amargo foi para o barco de Adrián Sieiro e Joan Antoni Moreno (terceiros) e para os irmáns Diego e Noel Domínguez (cuartos) que quedan fóra da cita húngara.
Tamén lograron o pase cumprindo o seu papel de favoritas as Antías. Jácome foi primeira xunto á súa compañeira María Corbera e Otero, segunda, con María Moreno. No K4-500, o barco comandado polas pontevedresas Teresa Portela e Carolina García tamén se impuxo con sobrada solvencia. E no masculino Germade e Arévalo, escoltados por Craviotto e Cooper, tampouco deron opción aos seus rivais.
Pero nesta primeira xornada de competición no encoro de Trasona todas as miradas estaban postas na carreira do C2-500 masculino. Unha proba na que se repartían dúas prazas para a decisiva Copa do Mundo, que se celebra na cidade húngara de Szeged do 12 ao 14 de maio e que servirá para clasificarse para o campionato do mundo no que estará en xogo tamén a clasificación olímpica.
Tan pronto como se baixou o cepo, os principais favoritos puxéronse na cabeza. O poiense Adrián Sieiro e o balear Joan Antoni Moreno realizaron unha explosiva saída que os colocou á fronte da carreira. Con todo, antes de chegar ao ecuador da mesma os vixentes campións do mundo, os andaluces Cayetano García e Pablo Martínez comezaron a recortar distancias ata poñerse primeiros. O seu ronsel seguíano os pontevedreses Manuel Fontán e Pablo Graña, mentres que os irmáns Domínguez axexaban por detrás.
Coa liña de meta moi preto, Moreno e Sieiro trataron de aumentar o ritmo pero foron incapaces de dar caza aos dous barcos dianteiros, que protagonizaron un intenso duelo pola vitoria que caeu ao lado andaluz por escasas oito décimas. A 1,3 e a 1,7 segundos cruzaron a liña de meta as embarcacións de Moreno e Sieiro e as dos Domínguez, que non puideron render ao 100 % polo arrefriado de Diego, o menor, que pasou o día previo á regata con febre.
Un intenso duelo que confirma o paso á fronte que deu a parella do Náutico O Muíño e Rodeira de Cangas. Adestrados no CGTD polo técnico nacional Daniel Costa, Fontán e Graña xa quedaron o ano pasado ás portas do mundial de Halifax, foron terceiros no selectivo a só 6 décimas dos gañadores. Esta vez non perdoaron e tratarán de demostrar en Hungría que teñen nivel para estar en París loitando por unha medalla olímpica.
A primeira xornada do selectivo estivo marcada polas adversas condicións meteorolóxicas, vento e ondas, que obrigaron a atrasar o inicio das regatas máis de media hora. A competición continuará este xoves coas probas individuais de kaiak e canoa na que tamén haberá padeeiras lerezanos loitando polo billete a Hungría.
Relacionadas:
-
Antía Jácome volveo facer: Terceira medalla na Copa do Mundo de Szeged cunha prata na distancia olímpica de C-2 500 metros
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela poñen a directa ao Mundial con tres medallas na Copa do Mundo de Szeged
Por Diego Espiño |
-
Positiva estrea da armada pontevedresa na Copa do Mundo de Szeged, con dobre billete ás finais de Antía Jácome
Por Diego Espiño |
-
A Copa do Mundo de Szeged, novo paso no camiño do piragüismo pontevedrés cara aos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
Manuel Fontán e Pablo Graña, a nova esperanza olímpica pontevedresa
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Adrián Sieiro consegue dous primeiros postos na Copa de España Sprint de piragüismo
-
Os pontevedreses Pablo Crespo e Antía Jácome pechan os Trials Olímpicos con triunfo no C1
Por Manu Otero |
-
Carolina García repite clasificación internacional no segundo día de 'Trials Olímpicos', esta vez no K-2 500
Por Diego Espiño |
-
O C2 español máis laureado da historia mide forzas nunha final olímpica anticipada
Por Manu Otero |
-
A carreira olímpica comeza en Trasona cun selectivo fratricida
Por Manu Otero |