O Arosa reacciona a tempo para superar o Somozas e xogará o ascenso na última xornada (4-2)
Por Redacción
O Arosa fíxose coa vitoria por 4-2 este domingo ante o Somozas despois de ver como os visitantes lle empataron un 2-0. O cadro arlequinado reaccionou nos últimos 10 minutos para levar os tres puntos e igualar a un Fabril que empatou en Abegondo contra o Racing Vilalbés.
Dominou o equipo de Luisito practicamente toda a primeira parte gozando das mellores ocasións. Aos 14 minutos, un centro desde a esquerda de Julio Rey rexeitouno Paco e Brais Pedreira, de socato, xutou para facer o 1-0.
Seguiu apertando o Arosa, controlando sen apuros e buscando o gol que lle dese tranquilidade. A máis clara tívoa Iñaki desde fóra da área, pero Paco estirouse para evitalo.
Mentres tanto, o Somozas buscaba facer dano en velocidade ao contragolpe e tivo en Quico a ocasión de igualar o partido ao rematar un córner en área pequena, pero non atopou porta.
Ao momento responderon os locais co segundo tanto da mañá. Centrou Brais Pedreira desde a dereita, Manu Mariña despexou mal e Sylla, de volea, enchufó o 2-0 co que se alcanzou o descanso.
Nada máis regresar dos vestiarios Paco apareceu para evitar o 3-0 nunha xogada ensaiada que Abel Suárez rematou de volea. Con todo, os cambios de Fran Beade en busca do empate produciron efecto e á hora de xogo reduciron diferenzas aproveitando un erro defensivo do Arosa. Óscar Lorenzo recuperou en primeira liña, centrou raso e Martín Sánchez introduciu o esférico na súa propia portería.
Pouco despois, Brais Pedreira tivo o 3-1 cunha falta que rozou o pau, Julián Nieto puido empatar o partido tras un centro desde a dereita que non conseguiu rematar e, tres minutos despois tras a lesión de Pacheco, igualou o Somozas grazas a un saque de banda colgado á área que Óscar Lorenzo empuxou a gol.
Urxía unha reacción por parte dos arlequinados e, arroupados pola afección e cos cambios de Luisito, volveron facerse completos dominadores do partido e sacaron a súa mellor versión.
Así, nos últimos 10 minutos, Brais desde a dereita enviou un centro medido á cabeza de Sylla, que rematou a gol e, no minuto 90, Fajardo, que entrara na segunda metade, rematou cruzado un centro de Hugo Losada para facer o 4-2 co que concluíu o encontro.
Agora, o Arosa terá que gañar en Vilalba a próxima xornada e esperar a picada do Fabril no Barco para ascender.
Relacionadas:
-
O Arosa xogará a fase polo ascenso a Segunda Federación tras a derrota en Vilalba (2-1)
Por Redacción |
-
O Arosa xógase o ascenso a Segunda Federación cun ollo en Vilalba e outro no Barco
Por Redacción |
-
O Arosa regala entradas aos seus socios para o último asalto ao ascenso directo na Lomba
Por Redacción |
-
Triunfo do Arosa en Ourense (2-3) para manter o pulso co Fabril, que tamén gaña en Somozas
Por Redacción |
-
Sufrido triunfo do Arosa ante o Choco para meter presión o Fabril (1-0)
Por Redacción |
-
O Arosa salva un empate en Arteixo (2-2)
Por Redacción |