Medio milleiro de padexeiros fará vibrar as augas do Pontillón do Castro na Copa de España de Promesas
As augas do encoro do Pontillón do Castro (Verducido) vibrarán esta fin de semana co mellor piragüismo nacional na Copa de España de Xoves Promesas en categoría cadete. O evento reunirá este sábado 22 e domingo 23 de abril no Complexo Deportivo David Cal medio milleiro de padexeiros, dos que 172 pertencen a 25 clubs de diferentes puntos de Galicia.
Entre os clubes participantes atópanse a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, o Club Piragüismo Verducido, o Club Naval de Pontevedra e o Club Río Verdugo.
Na proba organizada pola Federación Galega de Piragüismo, en colaboración coa Concellería de Deportes, tamén participarán deportistas procedentes de equipos de catorce comunidades autónomas e da cidade autónoma de Ceuta. A competición desenvolverase en distancias de sprint de 500 e 1.000 metros, nas disciplinas de K1, C1, K2, C2, K4, C4 e Paracanoe.
O evento deportivo comezará ás 9:00 horas do sábado coas probas clasificatorias, celebrándose as semifinais a partir das 11:20 horas. A xornada continuará pola tarde, entre as 16:00 e as 19:20 horas, con finais e clasificatorias, realizándose un acto de entrega de medallas ás 19:30 horas.
O domingo levaranse a cabo probas en horario de mañá, entre as 9:00 e as 13:15 horas, e o día pecharase cunha nova entrega de medallas.
Relacionadas:
-
Un primeiro de maio de moito piragüismo en Pontevedra
Por Redacción |
-
Bos resultados para Galicia na primeira xornada da Copa de España de novas promesas
Por Redacción |
-
A primeira Copa Galicia de piragüismo sprint levanta o pano competitivo do Pontillón do Castro
Por Manu Otero |
-
A EP Ciudad de Pontevedra, mellor club na Copa de España de Barco Dragón
Por Cristina Saiz & Redacción |