A canle de piragüismo de augas bravas de Bora, en punto morto
Por Manu Otero
A construción dunha canle para a práctica de piragüismo de augas bravas na modalidade de slalom no río Lérez á altura de Bora atópase agora mesmo en punto morto despois de que Augas de Galicia emitise un informe desfavorable para o proxecto.
Con motivo deste rexeitamento, desde a Federación Galega de Piragüismo presentaron un escrito de alegacións hai uns dous meses que aínda non recibiu resposta por parte do goberno autonómico. Por iso, a deputada do Grupo Socialista Paloma Castro realizou este xoves unha pregunta ao secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, para coñecer os plans da Xunta con este proxecto.
Preguntou Castro cando ten previsto o goberno responder as alegacións formuladas pola Fegapi, así como se pensan cumplir o compromiso electoral de dotar a Pontevedra dunha canle de slalom.
Neste sentido, a socialista relatou as reclamacións da Federación que defenden que "o proxecto é compatible e respectuoso co medio ambiente". Con todo, non entende por que despois de tres meses aínda non recibiron resposta por parte da Xunta, á que acusa de "non ter claro que realmente quere facer". Esixe Castro que estuden en profundidade a realidade do impacto ambiental desta instalación en lugar de "poñer pegas á súa construción".
Nunha longa resposta próxima ao cuarto de hora de duración, Lete Lasa repasou todos os éxitos do piragüismo galego e o apoio económico prestado pola Xunta nos últimos tempos. Finalmente, abordou o asunto da canle de slalom para dicir que o CGTD conta con bolseiros desta disciplina desde o ano 2012 e que foi a propia a Xunta a que propuxo á Fegapi unha terna de posibles localizacións para construír a canle.
Bora foi a proposta elixida pola Federación e desde a Xunta organizaron diferentes visitas técnicas, redactaron un estudo de viabilidade e encargaron un anteproxecto. Foi neste punto cando Augas de Galicia informou desfavorablemente.
"Agora estamos falando cos equipos que redactaron ese anteproxecto para ver se pode ser emendable. Non estamos parados", asegurou Lete Lasa, pedindo respecto á decisión adoptada polo organismo encargado de velar polo coidado dos ríos galegos. "Téñennos que dicir se eses aspectos son salvables ou non. Pero non se pode poñer en dúbida o noso compromiso", rematou sen confirmar se o proxecto sairá adiante nin os seus prazos.