A Xunta ratifica Bora como a súa "primeira opción" para crear unha canle de slálom de piragüismo
Por Redacción
O río Lérez ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Bora é a "primeira opción" da Xunta de Galicia para crear unha canle de slálom de piragüismo, unha instalación tremendamente demandada durante anos desde o tecido deportivo.
Así o ratificou este venres o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, nunha visita ao lugar no que iría emprazada a instalación, para a que xa se encargou un estudo previo co obxectivo de comprobar a súa viabilidade.
Lete estivo acompañado na súa visita por técnicos do seu departamento e tamén da Federación Galega de Piragüismo.
Esta instalación, de saír adiante, converteríase na primeira canle específica para a modalidade de slálom de toda Galicia, aínda que tamén se chegou a un acordo para crear unha instalación de augas bravas no río Xallas, en Dumbría.