Manu Fernández tira de canteira para enfrontarse ao Rácing Villalbés
Por Ramiro Espiño
Xornada importante na Terceira División. Enfróntanse entre si os catro equipos que na actualidade ocupan os postos de play-off. Tras eles o Pontevedra, que ten a oportunidade de aproveitar tal circunstancia e meter a cabeza por primeira vez na tempada neses lugares de privilexio.
Claro que para iso debe vencer na Madalena ao Rácing Villalbés. Un equipo que con frecuencia se lle atragoa aos granates, e que na primeira volta foi capaz de levarse os tres puntos de Pasarón.
O partido xogarase o domingo, ás 16:00 horas, con arbitraxe do colexiado vigués Daniel Arias Penas.
Os locais, de novo dirixidos por Charly, que volveu ao banco para intentar endereitar o rumbo deportivo dun equipo que coquetea cos postos de perigo, están a ter dificultades para sacar adiante os seus compromisos no seu terreo, pero sempre son un rival perigoso e máis tendo en conta as numerosas baixas que seguen decimando o equipo granate.
Porque á ausencia por sanción de David García, que cumprirá ciclo de amoestacións, máis as baixas de Benja, aínda en proceso de recuperación, así como de Fran Fandiño e Tubo, aos cales aínda lle queda un pouco para poder estar a plena disposición do técnico, se une a baixa por problemas laborais de Santi Dominguez.
Ademais, Moreira, con problemas musculares, e Pablo Carnero, cun forte golpe nun nocello, estiveron entre algodóns durante a semana, ata o punto de que, tras o último adestramento da semana, realizado no sintético da Xunqueira II, o centrocampista se une á lista de ausencias, para non forzar unha reaparición prematura e expoñelo a un agravamento da súa lesión, mentres que o dianteiro traballo con suavidade, pero segue sentindo dor.
Ao termo do ensaio, o técnico, Manu Fernández, tras dialogar con Pablo Carnero, decidiu incluílo na convocatoria, coa esperanza de que nas próximas horas, ata o momento do partido, experimente a melloría suficiente para poder xogar. De feito o dianteiro probará o seu estado físico en solitario ao longo do sábado, para poder valorar sensacións de cara á súa inclusión no equipo.
Todo isto levou a Manu a botar man da canteira para completar unha convocatoria na que inclúe a 17 xogadores, en previsión de que Carnero non poida xogar, e na que están catro homes dos equipos da base, como Kevin Levis, Emilio, Kevin Presa e Tomás, ademais de Paco, Edu, Caco, Adrián, Yago Vázquez, Miguel, David Feito, Pablo Lede, Richi, David Pérez, Luismi, Javi Otero e Pablo Carnero, quedando fóra da mesma por decisión técnica Pablo.
A transcendencia dos puntos en disputa, así como a hora temperá de inicio do partido, motivaron que por primeira vez nas últimas tempadas, o equipo realice o desprazamento na mañá do domingo, coa intención de realizar o xantar na localidade lucense, nun restaurante moi próximo ao mesmo campo da Magdalena.