A Gladiator Race reunirá 1.400 persoas esta fin de semana na Illa das Esculturas
Por Manu Otero
Todo listo na contorna da Illa das Esculturas para a celebración da Gladiator Race. A tradicional carreira de obstáculos que este ano celebra a súa oitava edición en Pontevedra volve bater récord de participación con 1.400 persoas rexistradas.
Este mércores na Praza de España tivo lugar o acto institucional de presentación dunha carreira que, este ano, volve incluír a modalidade Kids, pensada para o goce das familias e que se celebrará o domingo 4 en horario da mañá.
O día antes celébranse as dúas probas de adultos: Rocket e Warrior. A primeira constará de 5 quilómetros de percorrido e 25 obstáculos, mentres que a segunda é de 8 kilóemtros e 35 obstáculos.
"A Illa das Esculturas é un espazo ideal, as inscricións as pechamos un mes antes da proba e temos lista de agarda. É unha proba moi popular, o 90 % dos participantes veñen en equipos o son grupos de amigos. Vese que a xente ven superfeliz", declarou o director da empresa organizadora da proba, KnockOut360, Serafín Martínez.
Unha das novidades deste ano pasa pola inclusión de cinco obstáculos novos, un deles deseñados polo grupo de elite da Garda Civil, que chegará desde Logroño para instalalo na zona da Xunqueira.
A competición comezará o sábado ao redor das 16 horas coa saída dos participantes na categoría elite. Quince minutos máis tarde irán tomando a saída o resto de rexistrados en intervalos de 15 minutos. A finalización da competición está prevista para ao redor das 21 horas.
Desde a organización adoptaron este sistema de quendas para garantir a seguridade de todos os participantes. "Non queremos que a xente se amontoe nos obstáculos", explica o director do evento a razón pola que limitan a inscrición a 1.400 persoas a pesar de que a demanda é moi superior.
Na presentación da competición participou, ademais de representantes das empresas patrocinadoras, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacou que a Gladiator Race "é unha proba diferente porque o deporte é algo moi amplo".
Neste sentido, puxo en valor que moitos dos participantes son persoas que "fan deporte que non é de competición". Ademais, o evento funciona tamén como atractivo turístico, pois haberá competidores chegados de 20 provincias de toda España e tamén chegados desde Portugal.
"Pontevedra é unha cidade de deporte, facemos competicións de todo tipo", concluíu o rexedor.
Relacionadas:
-
Aventuras, diversión e moitos obstáculos na oitava edición da Gladiator Race
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A celebración da Gladiator Race este sábado cortará o acceso a Monte Porreiro pola Avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
A Gladiator Race 2023 colga o cartel de 'non hai billetes'
Por Redacción |
-
A Gladiator Race confirma para 2023 a súa oitava edición en Pontevedra
Por Redacción |