O Leis anuncia o regreso de Raúl Jiménez como adestrador do primeiro equipo
Por Redacción
O novo proxecto do Leis para a próxima tempada vai tomando forma. Despois de coñecer os rivais para o curso 2023/2024, o conxunto pontevedrés fai oficial a fichaxe do seu novo adestrador. Raúl Jiménez, un vello coñecido da escuadra lerezana, regresa á súa casa para dirixir ao primeiro equipo masculino no grupo primeiro da Segunda División B, o terceiro banzo do fútbol sala nacional.
"Dezaoito anos como xogador, en primeira, en segunda, en terceira... Adestrador das bases, do sénior feminino e preparador físico do sénior masculino. Unha institución no Leis. Historia viva do club", recolle o comunicado da entidade compartido este luns nos seus perfís de redes sociais para anunciar a fichaxe do adestrador.
O técnico afrontará a súa primeira experiencia como adestrador do primeiro equipo masculino do Leis despois de dirixir ao Poio Pescamar e ao Marín Futsal, ao que ascendeu á máxima categoría do futbol salga feminino nacional e meteuno na fase final da Copa da Raíña.
Como xogador, Raúl Jiménez foi un dos artífices do ascenso do Leis a División de Honra na tempada 2006-2007.
Agora regresa á que sempre foi a súa casa como máximo responsable do primeiro equipo co obxectivo de mellorar os resultados da tempada recentemente finalizada, na que o Leis foi noveno, e terminar o máis arriba posible.
Doutra banda, o equipo pontevedrés xa coñece os que serán os seus rivais para a próxima tempada. O Leis enfrontarase no grupo I da Segunda División B aos outro equipos galegos (9) e aos castelán leoneses (7).