A ciclista marinense Lorena Patiño revalida o seu título como campioa de España de BTT en categoría cadete
Por Redacción
A ciclista marinense Lorena Patiño revalidou o título de campioa nacional de categoría cadete na modalidade de BTT nos campionatos de España celebrados a pasada fin de semana en Cartagena.
Dende o inicio, Patiño impuxo un forte ritmo que lle permitiu abrir marxe e posteriormente xestionalo para acabar vencendo cun tempo de 49 minutos e 28 segundos, distanciándose en 1'07" de Mónica Estrada (La Rioja) e en 2'18" de Lucía Sánchez-Montañez (Comunidad de Madrid), as dúas corredoras que a escoltaron na imposición da camisola de campioa de España.
A expedición galega estivo composta por 39 ciclistas en idade escolar e júnior. En terras murcianas colleitaron un total de cinco medallas. Á prata lograda o pasado xoves na xornada inaugural pola cadete Alejandra Neira na contrarrreloxo individual de estrada sumáronse o sábado catro metais no circuíto de BTT. Ademais do conseguido por Lorena Patiño, o equipo infantil masculino subiu ao máis alto do podio e o terceiro chanzo pisárono o cadete Mauro Vega e o cuarteto do que formou parte.
A colleita de metais para o BTT da FCG incrementouse na manga infantil masculina co ouro por equipos.