Os 150 deportistas máis prometedores do judo nacional concéntranse en Marín
Por Redacción
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou este mércores edición número 34 da Concentración Internacional de Tecnificación de Judo que se está a levar a cabo en Marín froito da colaboración entre as federacións española e galega desta disciplina.
Os obxectivos deste evento nacional son a preparación do Campionato de Europa Júnior e do Campionato do Mundo Cadete, así como o firme propósito de levar aos deportistas de base ata o máis alto do deporte de alto nivel. En total, a concentración conta coa participación duns 150 deportistas -70 mulleres e 80 homes- que pertencen ás seleccións cadete e júnior española, galega, catalá e balear.
O mandatario galego destacou a importancia da tecnificación en Galicia como demostra o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que conta cun total de once bolseiros de judo, así como dos Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado que se veñen aprobando en Galicia nos últimos anos. Neste sentido, destacou a importancia de eventos coma este que xuntan ao mellor judo de base do país e no que destacan judokas galegos como os júnior Laura Vázquez, Noelia Insua, Jorge Álvarez e Zaza Jandieri ou os cadetes Unai Peñas e Daniel Parrilla.
Segundo o secretario xeral para o Deporte, estas concentracións axudarán a estes rapaces e rapazas a chegar ata a carreira olímpica na que agora mesmo hai sete judokas con licencia galega: Niko Shera, Fran Garrigós, Alberto Gaitero, David García, Laura Martínez, Estrella López e José Antonio Aranda.
Lete Lasa informou dalgúns dos números que falan do excelente estado de saúde do judo galego como as máis de 7.000 licenzas federativas, os 62 clubs con actividade ou os 28 deportistas galegos recoñecidos, sendo 22 deles (13 homes e 9 mulleres), deportistas galegos de alto nivel.