Daniel Jiménez faise co título de montaña na Volta a Madrid
Por Almu Dapena
O ciclista do Supermercados Froiz, Daniel Jiménez, coroouse na Volta a Madrid logrando o premio de montaña despois de cinco duras etapas.
Comezou de forma moi positiva o Froiz nunha primeira etapa que comezou en Chinchón e estivo marcada por catro portos de montaña e os 39-45 graos de temperatura, que obrigaron a moitos deportistas para abandonar.
O ciclista da escuadra alimenticia, Daniel Jiménez logrou, ademais do segundo posto, a xeral de montaña. O seu equipo se mostrou sólido con Luna e Taboada entrando a dous minutos do líder e que lles permitía colocarse en boa posición para defender ao seu compañeiro na xeral.
A segunda etapa, con saída e chegada a Alcalá de Henares, foi a máis longa da edición con 141 quilómetros de percorrido e con destacada presenza de dúas subidas puntuables, a Loranca (km 35 e km 93) e Pezuela de las Torres (km 48 e km 106).
A carreira estivo marcada pola fuga que se produciu antes do quilómetro 15 coa unión de varios corredores entre os que se atopaba Daniel Jiménez.
Con todo, as ascensións ás montañas marcaron o devir da carreira e o grupo foise reducindo aos poucos. Jiménez logrou cruzar a meta en segunda posición a 1:01 de Tomás, do Brocar-Ale. Andrés Taboada e Alejandro Luna chegaron nos postos 25 e 26, respectivamente.
Buitrago foi a localidade protagonista da terceira etapa da Volta a Madrid, con subida ao porto de Puebla de la Sierra e un duro percorrido con altos de La Hiruela (segunda, km. 73) e Horcajuelo de la Sierra (terceira, km. 85).
Con todo, non correron sorte os ciclistas da escuadra pontevedresa, que logrou o mellor resultado co 14 posto de Álvaro de Luna a 1:17 do líder Kacper Jakub. Andrés Taboada foi 26, Jorge García 63, Vicente Rojas 64 e Daniel Jiménez 65.
A penúltima etapa celebrouse o venres, con saída e chegada en Parla e 137,5 quilómetros de distancia aínda que menos calor que os días anteriores.
Foi a máis tranquila da Volta, con Jaume Guardeño (Caixa Rural-Alea) mantendo a camisola vermella durante máis dun día e Daniel Jiménez facendo o propio co de montaña.
En canto á carreira, o mellor do Froiz foi Vicente Rojas cun 12 posto, seguido de Jiménez, cun 31, Andrés Taboada, 83, e Jorge García, 97.
O sábado foi a quenda da etapa final e máis dura de todo o torneo, con 139 quilómetros desde o Escorial e un complicado final cos altos de Santa María de la Alameda (terceira, km. 117) e Robledondo (segunda, km. 128).
A pesar de non lograr un bo resultado na clasificación final xeneral, o Supermercados Froiz si que conseguiu, da man de Daniel Jiménez, o trofeo de montaña da Volta a Madrid.
Relacionadas:
-
Talento novo para a reconstrución do Supermercados Froiz
Por Redacción |
-
A Vuelta a Hispania, último reto do ano para o Supermercados Froiz
Por Diego Espiño |
-
Dous ciclistas do Froiz, a proba con equipo profesional portugués Tavfer Ovos Matinados Mortagua
Por Redacción |
-
Supermercados Froiz alcanza o quinto posto por equipos na Volta a Zamora
Por Ramiro Espiño |
-
Fin de semana de podios para Froiz e XSM
Por Redacción |
-
O poiense Raúl Casalderrey, o mellor do Froiz no Campionato de España cun sétimo posto
Por Almu Dapena |