Unha excedencia, solución á incompatibilidade da policía local Iris Romero para ser árbitra profesional en Primeira División
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O Pleno Municipal Extraordinario convocado este luns 11 de setembro no Concello de Pontevedra confirmou a incompatibilidade laboral dunha policía local, Iris Romero, para compaxinar o seu traballo coa súa carreira de asistente profesional de fútbol na Primeira División Feminina, categoría á que ascendeu esta tempada.
"Coincidimos na nosa postura tanto PP, PSOE como BNG, gustaríanos votar a favor desta compatibilidade, sabedes ademais que se prolongou e dilatou este asunto precisamente para tentar buscar unha saída, pero a lei de incompatibilidade non deixa lugar á discrecionalidade e non recoñece como excepción ningún suposto", explicou a edil de Persoal, Eva Vilaverde, xustificando que "os informes xurídicos, todos os que pedimos, son contundentes e claros".
Por todo iso a "solución que se buscou será resolta por esta concelleira con unha excedencia", confirmou Vilaverde.
A denegación oficial da incompatibilidade produciuse cos 9 votos a favor do os representantes do goberno local do BNG e as abstencións dos edís de PP e PSOE.
"Está claro que o problema está na RPT (Relación de Postos de Traballo), que liga o factor da incompetibilidade ao complemento específico. A nosa posición é a abstención pero pedindo a modificación puntual da RPT, porque a RPT nunca debe ser máis restritiva que a lei estatal e a lei galega de incompatibilidades", defendeu na súa intervención o socialista Manuel Fariña.
Pola súa banda Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular, foi máis crítica ao afirmar que "non é a lei a que impide a compatibilidade a esta moza para desenvolver a súa carreira profesional como árbitro de Primeira División Feminina, senón que é a RPT que vostedes, BNG e PSOE, aprobaron en febreiro de 2022 nunha xunta de goberno extraordinaria e urxente".
Pardo dirixiuse á árbitra afectada para dicirlle "que non se renda", desculpándose "porque co informe contundente que temos de asesoría xurídica non nos queda máis remedio que absternos, e pedir perdón porque este Concello non estivo á altura das circunstancias".
Relacionadas:
-
Unha policía local de Pontevedra non pode ser árbitra profesional en Primeira División por incompatibilidade laboral
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Sete representantes da arbitraxe pontevedresa dirixirán partidos de fútbol en categoría estatal o próximo curso
Por Manu Otero |