Carlos García e Chapela caen da convocatoria do Teucro na súa visita a Pozoblanco
Por Diego Espiño
"Aunque fuéramos todos sería igual de complicado", asegura o adestrador do Teucro, Javier Barrios, ante a visita dos azuis ao Pabellón Juan Sepúlveda de Pozoblanco (sábado, 18:00 horas), pero é que por se fose pouco, os azuis acoden a terras cordobesas con tres importantes baixas.
Ademais da coñecida ausencia do porteiro arxentino Juan Bar, recuperándose da súa recente operación de menisco, Barrios viuse obrigado a deixar en Pontevedra por lesión a dous xogadores importantes nos seus esquemas, como Carlos García, máximo goleador do equipo, e David Chapela.
No caso do extremo unha subluxación obrígao a descansar este fin de semana, mentres o estado do Chapela preocupa máis, ao terse resentido dos seus problemas no ombro.
Con este panorama afronta o Teucro o primeiro e importante partido da segunda volta nunha pista na que o Pozoblanco basea a súa fortaleza.
Os locais, a pesar de marchar décimo terceiros con 11 puntos, só perderon dous partidos na casa, na segunda xornada ante o Zarautz e a pasada semana ante o Benidorm, mentres os azuis, que gañaron dous partidos e empatado tres a domicilio, buscan dous puntos que lles permitan relanzarse nunha igualada clasificación da División de Honra Prata, despois de caer ao sexto posto tras a derrota ante a Barcelona B.
No cadro cordobés non poderá sentarse no banco o seu técnico Miguel Ángel Moriana, sancionado con dous encontros.
A parella arbitral designada para o choque é a composta polos andaluces Franciso e José Molina Baena.