"Emoción" no Squash Pontevedra pola inclusión do seu deporte no programa olímpico: "Para nós é un boom"
Por Diego Espiño
O béisbol/softball, o cricket, o flag football, o lacrosse e o squash acaban de ser confirmados como novos deportes olímpicos para os Xogos de Los Ángeles 2028, unha noticia que fixo estalar de alegría a un club pontevedrés de gran tradición na cidade, como é o Squash Pontevedra.
"Estamos emocionados", recoñece a alma máter do club, Miguel Novegil, e é que "para nós isto é un boom en todos os sentidos", asegura.
Trátase dunha noticia moi esperada, xa que "levo 30 anos no squash e sempre se falou da posibilidade", pero aínda que os rumores estaban aí non parecía chegar nunca o momento.
Agora "con todo isto espero que sexa un impulso para nós", asegura Novegil, tanto para aumentar o número de practicantes federados en todas as categorías como pola posibilidade que se abre de levar a unha das súas deportistas, Marta Domínguez, ata o maior evento do deporte mundial.
A viguesa, que leva defendendo as cores do Squash Pontevedra desde a súa etapa de formación, vén de impoñerse a fin de semana en Santiago na Copa de España, a segunda competición en importancia dentro do circuíto nacional (venceu na final 3-0 á arxentina Pilar Etchechoury), e é unha habitual nas convocatorias da Selección Española e en eventos internacionais. Logrou ademais en 2021 o título de campioa de España absoluta. Por iso, como unha das máximas referencias a nivel estatal, que se abra a perspectiva de poder participar nuns Xogos Olímpicos "é unha ilusión moi grande", afirma o seu adestrador.
"É que ademais pode chegar con 26 anos, no seu mellor momento", explica Miguel Novegil coa esperanza de que a inclusión no programa olímpico supoña ademais unha maior axuda económica aos deportistas como Marta.
Pasar a ser un deporte olímpico pode ademais axudar a recuperar o pulso para o Squash Pontevedra tras uns anos moi complicados, primeiro pola pandemia e despois polo peche durante meses do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, a súa sede de adestramentos.
"Antes da pandemia moviámonos entre 50 e 80 deportistas cada ano, e non podiamos coller máis", rememora Novegil coa ilusión agora de que o seu deporte recupere o terreo perdido. Tres décadas de dedicación plena ao squash ben merecen esa recompensa.
Relacionadas:
-
Squash Rías Baixas, o nacemento dun club para "tentar rescatar" o seu deporte en Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O pontevedrés Pablo Caínzos conquista a Copa Ibérica de squash
Por Redacción |
-
Marta Domínguez, do Squash Pontevedra, logra o bronce no mundial universitario
Por Redacción |
-
Marta Domínguez, do Squash Pontevedra, subcampioa da Copa de España
Por Redacción |
-
A xogadora do Squash Pontevedra Marta Domínguez consegue o seu primeiro título continental absoluto
Por Redacción |
-
Recoñecemento ao traballo do Squash Pontevedra tras o título nacional absoluto de Marta Domínguez
Por Redacción |
-
O Squash Pontevedra presume con Marta Domínguez de campioa de España absoluta
Por Redacción |