O Pontevedra recibe o Oviedo Vetusta, un equipo "novo e dinámico" que aínda non perdeu fóra da casa
Por Almu Dapena
Despois de 15 días, o Pontevedra Club de Fútbol volve ao Estadio Municipal de Pasarón para enfrontarse ao Real Oviedo Vetusta (domingo 17:00 horas), un equipo "novo e dinámico" que poñerá as cousas complicadas aos granates.
"É dos poucos equipos a nivel nacional que deron unha volta á canteira, cunha media de idade de 20 anos e con xogadores que de verdade levan anos xogando xuntos" e que ademais, moitos deles, "fixeron a pretemporada co primeiro equipo", afirma o técnico Yago Iglesias. Tres deles, precisamente, non estarán no encontro desta fin de semana.
O adestrador granate asegura que "non nos temos que deixar levar pola clasificación nin polo nome do rival", un histórico como é o Oviedo que só encaixou seis goles en contra, sendo tres deles na primeira xornada de liga contra o Villalbés. Este balance, sumado a que fóra de casa non perderon, "fala moi ben deles", defende Iglesias.
O Pontevedra preparou o partido "sempre tendo en conta a nosa idea e o que temos en fronte", polo que Yago espera que o traballo semanal que realizou durante a semana "véxase reflectido".
Neste sentido, para que o cadro granate siga unha liña positiva como ata o de agora, o técnico fai un chamamento á afección e quere "que despois do que vimos nas dúas últimas semanas veña xente, porque canta máis nos acompañe e axude, máis preto estaremos de conseguir a vitoria".
E é que a pesar das goleadas das últimas xornadas e as boas sensacións sobre o verde, en especial no último encontro en Zamora, que foi "un reforzo moi positivo ao traballo que estamos a facer", Iglesias defende estar "cos pés na terra, que isto acaba de empezar. Para ben ou para mal o fútbol son momentos".
De feito, o técnico afirma que "nos últimos partidos fóra de casa o equipo deu ese paso que faltaba" aínda que "non me gusta demasiado o ruído" que se está xerando. "Sabemos que é así", recoñece, "cando as cousas van ben ou mal sempre o hai, pero se vai habelo que sexa por cousas boas. Non me gusta que se afague tanto ao equipo, pero xa me encarguei de transmitir que esta é a liña que queremos" aínda que haxa "moito marxe de mellora".
Para o encontro do domingo Yago Iglesias poderá con todos os seus xogadores salvo os de longa duración. Borja Domínguez "xa estivo facendo cousas máis esixentes e a ver se en cousa de dúas semanas está connosco", e Marcos e Casáis, que teñen lesións que se alongarán un pouco máis.
O PONTEVEDRA B VISITA O POLVORÍN
O filial granate, pola súa banda, enfrontarase á Polvorín o domingo ás 12:30 horas, "un filial, como nós, pero atípico. Está bastante ordenado, aperta bastante e xoga", asegura o técnico Jesús Ramos.
Pola contra, ao Pontevedra B fáltalle "asentarse na categoría, sobre todo a balón parado. Os equipos son moi físicos e benefícianse do balón parado", unha tarefa os granates aínda teñen que mellorar.
Aínda así, Ramos defende que "de todos os partidos que xogamos ningún equipo foi mellor", só "fáltanos madurez".
Para o encontro contra o filial do Lugo estarán todos os xogadores dispoñibles fóra dos que van co primeiro equipo, "que non van poder vir connosco", e Jacobo, "que tivo un problema no ombreiro e vanlle a operar".
Relacionadas:
-
Triunfo de oficio do Pontevedra para colocarse a dous puntos do liderado (3-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Dalisson rebaixa a euforia: "Estamos tranquilos, cos pés na terra porque queda moito por diante"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa bota o cadeado á portería do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O mellor arranque goleador do Pontevedra nos últimos 40 anos
Por Diego Espiño |
-
Golpe de autoridade do Pontevedra con exhibición e goleada en Zamora (0-4)
Por Almu Dapena |
-
A primeira vitoria a domicilio de 2023 chegou en outubro
Por Diego Espiño |
-
Victoria granate no Vao para crer (0-2)
Por Almu Dapena |