Golpe de autoridade do Pontevedra con exhibición e goleada en Zamora (0-4)
Por Almu Dapena
O liderado está cada vez máis preto para o Pontevedra Club de Fútbol, que alá por onde vai fai unha exhibición de xogo e pegada e xa está a só catro puntos do primeiro posto.
A súa vítima esta fin de semana foi precisamente o líder Zamora, que chegaba invicto á cita e con cero goles en contra, pero sucumbiu ante o máximo goleador da categoría, que apenas sufriu para dar un golpe de autoridade e golear por 0-4.
Sabían os granates que ninguén conseguira marcar no Ruta de la Plata e saíron ao verde tenteando ao seu rival e mesmo un pouco nerviosos, incapaces de dar tres pases seguidos mentres o Zamora levaba o partido ao seu terreo aínda que sen velocidade de circulación.
Pero co paso dos minutos, o Pontevedra foise sentindo máis cómodo e avisaba aos 10 minutos de xogo cunha falta directa botada por Dalisson, que buscou o pau curto tentando sorprender ao porteiro, pero o seu disparo deu no pau.
E foi pouco antes de alcanzar o cuarto de hora cando chegou unha das xogadas decisivas. Samu Mayo roubou a carteira ao seu rival, abriu á dereita a Bastos e centro ao momento de penalti, onde apareceu Yelko desde segunda liña para realizar unha maxistral volea coa que non só adiantou ao equipo granate, senón que rompeu a imbatibilidade do líder Zamora. O máis difícil xa estaba feito.
Non coñecía a derrota o conxunto local, pero estaba a verse superado polo Pontevedra en todas as facetas de xogo. E aínda por riba, tras unha rápida transición ofensiva, os de Lérez subiron subiu o segundo no luminoso por medio de Dalisson, que recibiu dentro da área pequena e só tivo que empuxala ao interior da rede.
O equipo de Yago Iglesias tiña fame de gol e antes de alcanzar o descanso puido marcar o terceiro, pero o remate de Garay atopouse co interior da madeira da portería defendida por Fermín.
Saíron os granates con moita intensidade dos vestiarios, avisando aos 35 segundos cun disparo de Álex González que se foi por arriba por moi pouco.
Pero o Zamora estaba obrigado a reaccionar e o Pontevedra empezou a cometer pequenas imprecisións que acabaron en susto. Primeiro Pito Camacho rematou en área pequena na que era a primeira ocasión clara dos locais, e pouco despois, nunha segunda acción tras un saque de esquina, Morais armou un potente disparo afastado que Edu Sousa, providencial, enviou a córner.
E pouco tardou o equipo pontevedrés en demostrar por que son o equipo máis goleador da categoría. Chiqui subiu por banda esquerda e centrou raso atrás a Rufo, que aproveitou un desaxuste defensivo para rematar completamente só e bater a Fermín, que nada puido facer para evitar o terceiro tanto do encontro.
Co partido xa controlado, o Pontevedra relaxouse e regalou unha xogada de perigo ao rival. Non houbo entendemento entre a defensa granate, e o cadro local tivo o 1-3, pero Churre baixo paus salvou o gol do Zamora.
E dun posible 1-3 chegou o 0-4. Álex González, que non se quería quedar sen anotar, apareceu no pico da área, desfíxose dos seus rivais e cando puido rebentou o coiro para asinar un gol marca da casa e sentenciar por completo ao equipo local, dando un golpe encima para reducir distancias e colocarse a catro puntos do primeiro posto.
ZAMORA CF (0): Fermín, Bolo, Pito Camacho (Baldrich, min. 72), Ramos, Mancebo (Etxaburu, min. 71), Moura (Parra, min. 77), Theo (Luis Rivas, min. 45), Jesús Muñoz, Víctor López, Joel Priego (Dani Hernández, min. 71) e Castañeda.
PONTEVEDRA CF (4): Edu Sousa, Ángel Bastos (min. 87, Jaichenco), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo, Yelko (min. 87, Charly), Chiqui, Samu Mayo, Dalisson (Toño, min. 73) e Garay.
Goles: 0-1, min. 14, Yelko Pino. 0-2, min. 35, Dalisson. 0-3, min. 66, Rufo. 0-4, min. 85, Álex González.
Incidencias: Partido entre Zamora CF e Pontevedra CF correspondente á xornada 7 de Segunda RFEF disputado no Estadio Ruta de la Plata.
Relacionadas:
-
Triunfo de oficio do Pontevedra para colocarse a dous puntos do liderado (3-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra recibe o Oviedo Vetusta, un equipo "novo e dinámico" que aínda non perdeu fóra da casa
Por Almu Dapena |
-
Oier Calvillo, de rescindir no Pontevedra á liga universitaria norteamericana: "Sempre quixen vir a USA"
Por Diego Espiño |
-
Dalisson rebaixa a euforia: "Estamos tranquilos, cos pés na terra porque queda moito por diante"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa bota o cadeado á portería do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O mellor arranque goleador do Pontevedra nos últimos 40 anos
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras a goleada ao Zamora: "Era unha proba de moi alto nivel para nós e ímonos contentos".
Por Almu Dapena & Redacción |
-
O Pontevedra viaxa a Zamora para disputar "un dos partidos máis atractivos que pode haber nesta categoría"
Por Almu Dapena |
-
Duelo de colosos no Ruta de la Plata: O mellor ataque de Segunda RFEF contra o único imbatido da categoría
Por Diego Espiño |
-
A primeira vitoria a domicilio de 2023 chegou en outubro
Por Diego Espiño |
-
Victoria granate no Vao para crer (0-2)
Por Almu Dapena |
-
Dous partidos de sanción a Álex Otero e un a Samu Mayo polas súas expulsións fronte ao Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
'Fútbol champagne' e 'manita' en Pasarón
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |