Deputación e Concello tildan de "atropelo" e "comportamento impresentable" a actuación de Fenosa en Pasarón
"A actuación de Gas Natural Fenosa é dun auténtico atropelo", así de rotundo pronunciouse este xoves o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ao referirse á actitude da empresa que cortou a subministración durante unhas horas ao Estadio de fútbol de Pasarón ao non querer prorrogar o contrato.
"Unha actitude reprochable porque o club paga, está ao día, que se lle corte a luz é unha cousa indigna dunha empresa como Gas Natural Fenosa", engadiu o mandatario provincial que estaba "perfectamente informado" de todo o acontecido, "porque me inquieta como socio que son, e colaborador necesario".
"O que pasa aquí é que Unión Fenosa non quere o contrato co Pontevedra, a pesar de ter ás cotas satisfeitas", explicou Louzán, "mais eles queren, custe o que custe, romper ese contrato porque o normal é que a institución titular das instalacións sexa quen pague a luz", indicou.
Louzán afirmou que é unha "situación anómala" que sexa o club e non o concello o titular do contrato de subministración e desvelou que xa lle comentou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que "non pode mirar para outro lado" e instoulle a que asuma este contrato de subministración eléctrica "ainda que logo llo desconte ao club".
Á marxe desta circunstancia o presidente da Deputación insistiu en que Gas Natural Fenosa, debeu "salvagardar os intereses xerais" e non cometer este "atropelo", estando ademais ao corrente dos pagamentos. "Dende o punto de vista legal e xurídico lle asiste a razón ao Pontevedra CF, totalmente", sentenciou.
LORES TAMÿN CRITICA Á COMPAÿÍA
A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coincidiu con Louzán en cualificar como un "comportamento impresentable" da empresa Gas Natural Fenosa o feito de cortar a luz en Pasarón sen previo aviso. Reiterou que o Pontevedra está ao día nos pagos e aínda que, en certas ocasións, atrasouse no seu abono, "non se lle debe nada".
Fernández Lores, que se mostrou moi crítico con empresas eléctricas como esta "porque eles nunca perden", insistiu en que é "intolerable" que se lle corte o subministro eléctrico a un cliente desta forma, especialmente cando nas respectivas facturas "cobran ben cobrado", en alusión ao alto custo da luz que proporcionan este tipo de compañías.
O alcalde de Pontevedra non se referiu á conversación que tería mantido con Louzán, xa que este desvelouna cando Fernández Lores xa comparecera ante a prensa.