Xornada redonda para o Pontevedra que se impón (1-0) ao Arosa nun disputado e emocionante derbi
Por Ramiro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Cumpriuse o guión esperado, incluíndo un final con suspense tamén previsible vista a igualdade entre ambos os dous equipos. Gañou o Pontevedra porque foi o que soubo aproveitar unha das ocasións das que dispuxo, pero o Arosa non se rendeu ata o asubío final, e a punto estivo de conseguir polo menos o empate.
E se a vitoria granate se pode considerar xusta, porque foi o equipo que gozou dun maior número de oportunidades, o empate tampouco tería sido inxusto, polo menos en premio ao esforzo e traballo que puxeron todos os protagonistas sobre o maltreito e pesado céspede.
Máis de 19 anos deberon transcorrer para que Pasarón albergase de novo un derby provincial entre Pontevedra e Arosa, e o partido non defraudou en canto a intensidade e emoción. Pode que o xogo non fose brillante, pero os ingredientes anteriores déronlle o suficiente interese, para que a bancada, cunha afluencia inusual para un partido de terceira división, se divertise poñendo a calor e a paixón, sempre dentro dos límites da máis exquisita deportividade.
Tres puntos importantes para os de Manu Fernández, nunha xornada redonda para os intereses granates, xa que, xunto co Ordes, foron os dous únicos equipos de entre os 10 primeiros clasificados que conseguiron a vitoria, o que lles sitúa terceiros na táboa, empatados con As Pontes e a un só punto do líder Boiro.
En canto ao partido tivo un tempo para cada equipo. No primeiro período os locais levaron o peso, fronte a un Arosa ordenado que tapaba todas as vías de acceso á área defendida por un sempre seguro Jorge Pérez, mentres buscaba a súa oportunidade de golpear á contra. E a punto estivo de conseguilo, nunha das escasas accións nas que a zaga granate deixou unha mínima abertura. Foi no minuto 11 cando José Ángel recibe un bo balón de Quique Cubas, gañando as costas a Adrián, pero Edu se lle bota enriba e consegue atrapar o coiro.
Logo sería o Pontevedra quen, controlando o balón e os espazos comezase a chegar. Intentouno David Pérez dende lonxe, pero o balón marchou rozando o poste (minuto 22). Dous minutos despois José Ángel daría o gran susto aos seus, cando ao intentar despexar unha falta lanzada por David Feito, deixa a Jorge Pérez co molde, desviando de cabeza cara ao seu propio portal, pero o balón sae, afortunadamente para el, a escasos centímetros da portaría arlequinada.
De novo a balón parado tívoa o Pontevedra, nunha nova falta botada por David Feito, que cabecea Pablo de preto, pero mandando o balón ao centro da portaría, onde o esperaba Jorge Pérez (minuto 39). E antes de que finalizase a primeira parte Pablo Carnero pon a proba ao meta arosista, que responde cunha grande intervención, mandando a corner o remate envelenado do dianteiro granate.
A segunda parte cambiou a decoración. O Arosa saíu mellor e máis ambicioso e puido adiantarse no minuto 54 nun disparo de José Ángel, tras unha falta afastada, que Edu rexeita con apuros. O remate posterior de Quique Cubas remata no fondo da rede, pero o colexiado pitara xa sinalando fóra de xogo do dianteiro visitante. Piscis queixaríase, estimando que a posición era legal, aínda que a verdade no campo deu a impresión de que o asistente acertou invalidando a acción.
Pero cando mellor estaba o Arosa, chegou o gol do Pontevedra. De novo a balón parado e de novo, como na xornada anterior, das botas de Tubo, que saíra poucos minutos antes en lugar de Fran Fandiño. Foi tras un corner lanzado por David García que toca a defensa arosista, caendo o balón aos pés do dianteiro. Tubo non llo pensou e con rapidez e calidade lanzou un disparo cruzado, á media volta, que se coou xunto ao poste dereito da portaría de Jorge Pérez.
Era o minuto 62. Quedaba un mundo por diante, pero os papeis invertíanse. Coa vantaxe no marcador os granates botáronse atrás buscando unha contra e o Arosa fíxose dono do balón e do partido. Piscis arriscou deixando unha defensa de tres para incorporar a Ramón na punta, xunto con Quique Cubas, e foi precisamente Ramón quen gozou da mellor e case única ocasión clara para empatar, cando no minuto 79 se encontra cun balón dentro da área e remata cruzado, pero Edu intervén con acerto, rexeitando o remate.
Os arlequinados empurraban, pero os últimos metros facíanselle terreo minado. E o Pontevedra encontrou o que viña buscando, en senllas contras que puideron sentenciar o marcador, pero que non soubo aproveitar. A máis clara nas botas de Pablo Carnero, tras unha parede perfecta con David Pérez, que lle deixa só ante Jorge. O seu remate, intentando elevar o balón no man a man, fóiselle fóra (minuto 81). E a segunda a falta de dous minutos para a conclusión, tras un centro de Moreira, que Pablo Lede mandou arriba dende o bordo da área pequena.
O partido rematou con certa polémica, logo aclarada polos protagonistas. Primeiro cando un dos auxiliares do banco visitante dirixiu un feo xesto á bancada, do que pediría perdón case ao instante, e logo cando Manu Fernández intentou saudar a Piscis e este pasou de longo. Na sala de prensa ambos os dous saudáronse cordial e deportivamente, manifestando o adestrador arosista que non vira ao seu colega granate. Meras anécdotas nun derbi marcado pola rivalidade, pero moi especialmente pola deportividade, tanto no campo coma na bancada.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu (2); Adrián (2), Yago Vázquez (3), Pablo (3), David Feito (2); David García (2); Javi Otero (1), Pablo Lede (2), Fran Fandiño (2), David Pérez (2); e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Tubo (3) por Fran Fandiño, minuto 55. Moreira (1) por Javi Otero, minuto 75. Caco (s.c.) por David García, minuto 89.
AROSA S.C. (0): Jorge Pérez (2); Santi (1), Martín (2), Munín (2), Álex Freire (3); Rivas (2), Jesu (2); Eloy (1), Pablo Pillado (1), José Ángel (3); e Quique Cubas (2).
Substitucións: Ramón (2) por Santi, minuto 66. Jonathan (1) por Jesu, minuto 75.
Árbitro: González Sobrado (Vigo), auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez e Martínez Barciela. Amoestou a David Feito, Pablo e Javi Otero, no Pontevedra, e a Jesu, Quique Cubas e Álex Freire, no Arosa. Expulsou o adestrador do Pontevedra, Manu Fernández, no minuto 30.
Goles: (1-0) Minuto 62: Tubo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 3.000 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados arosistas. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do exseleccionador español, Luis Aragonés, e por José Antonio Ferro Campos, pai do presidente da Asociación de Peñas do Pontevedra.
VESTIARIOS:
PISCIS: Aínda que a medida que pasaban os minutos o seu xesto foi cambiando, o técnico arosista presentouse na sala de prensa con rostro serio, consecuencia dunha derrota que, como é lóxico, non lle gustou: "Houbo unha parte para cada equipo. Quizais a primeira non tan diferenciada como a segunda, na que o Arosa foi mellor. Eles saíron con moita intensidade. Xa contabamos con iso. Aguantamos a súa acometida, pero non fomos capaces de facer un fútbol fluído, e nese aspecto si que o Pontevedra foi un pouquiño superior. Houbo contadas ocasións na primeira parte, e quizais a máis clara foi unha nosa. Non estivemos nerviosos nin premidos, pero tampouco finos como adoitamos estar na Lomba".
Piscis: "O gol que nos anulan é legal e hai unha man moi clara dentro da área. Dos árbitros non quero falar"
Logo, a pesar de dicir que non quería falar dos árbitros, Piscis despachouse a gusto: "Co gol tivemos que arriscar con defensa de tres, porque viñamos a gañar o partido. Tivemos o gol, que é legal. Verédelo todos na televisión, que é legal, teño a xente que está alí na esquina quentando e dime que é legal. Hai unha man moi clara a José Ángel dentro da área, cando se dispoñía a tirar gol. Clara. Un par de ocasións de Ramón, pero claro que é normal que eles tivesen algunha con Tubo e Carnero, ao estar adiantados, pero tampouco as tivo tan claras, só o gol. Dos árbitros non falo. Só falei hai dúas semanas dicindo que a arbitraxe galega non ten que envexar nada ao catalán, pero iso tedes que falalo vós, vendo as circunstancias que houbo durante o partido. Eu voume para casa tranquilo. Creo que si, que o gol que nos anulan é legal. A posición na que están os meus xogadores quentando e o preparador físico así determínano. Eu non falo por falar, teño fe no meu preparador físico coma se fose o meu irmán. Se el me di que é branco, é branco e se é negro, é negro. Vós escribiredes unha cousa e os de aquí outra, pero dos árbitros non quero falar".
MANU FERNÁNDEZ: Contento e aliviado pola angustia final, pero en absoluto de acordo cos supostos erros arbitrais que sinalaba o seu rival, o adestrador local valoraba así o partido: "Claro que sabe ben gañar, aínda que sexa sufrindo. A min saberíame mellor gañar sen sufrir tanto, pero ver ao equipo, aínda que pasou apuros ao final, facer o esforzo que fai é de eloxiar. Eu estou moi orgulloso, máis alá da calidade individual, de como traballa e se esforza este equipo, e froito dese traballo, ao final temos os éxitos que eu creo que merecemos".
Manu Fernández: "A primeira parte creo que fixemos un moi bo partido. O que si vexo é un penalti clamoroso sobre Carnero"
"A primeira parte creo que fixemos un moi bo partido. Conseguimos controlar totalmente o rival, un rival moi perigoso cando recupera o balón, que sabe moi ben o que fai, e creo que dominamos amplamente, aínda que non conseguimos ese último pase, o que nos impediu ter opcións máis claras de marcar. Logo na segunda o Arosa empezou mellor, meteunos un pouquiño máis atrás, pero o gol foi clave, porque ao final os detalles deciden e un gran gol cambiou o perfil do partido. Nós botámonos un pouquiño máis atrás, o Arosa fixo cambios ofensivos, e o que si me faltou foi pechar o partido con algún contraataque como os que tivemos, pero moi contento, claro".
"No gol anulado eu non estaba en liña coa xogada, non podo dicir nada. O que se vexo é un penalti clamoroso sobre Carnero, clamoroso, non o que di a favor deles. Pero ben, do árbitro non influíu no resultado, no que estou desconforme é coa miña expulsión, bo, co asistente. Non lle dixen nada, absolutamente nada, quéixome con onomatopeas a David García por soltar o balón ao bordo da nosa área cando non pitara nada, pensando que pitara falta, saio da área técnica un metro e me expulsa, pero ía dirixido ao meu xogador, non ao árbitro pero igual créense que todo o que dicimos os adestradores vai dirixido a eles, ou teñen suficiente co que pasa no campo que están máis pendentes do de fóra".