Empate épico entre Poio Pescamar e Futsi Navalcanero (5-5)
Por Redacción & Cristina Saiz
Duro golpe o recibido polo Poio Pescamar ante o Atlético Navalcarnero despois de ir gañando 5-1. O equipo conserveiro tentou aguantar a envestida do Futsi, que respondeu con forza especialmente nos últimos minutos para remontar e rascar un punto no último suspiro.
Adiantouse moi pronto o Poio Pescamar por medio de Laura Uña, que roubou no centro do campo, fixo unha parede con Rocío Gómez e enchufó o esférico na portería rival.
Sen tempo para a reacción, tan só dous minutos despois María Sanz cometía un penalti sobre Ale de Paz e Uña, cun potente disparo ao medio, batía á gardameta visitante para subir o 2-0 ao marcador. O encontro empezara da mellor maneira para as vermellas.
Quería meterse no partido o Atlético Navalcarnero e reduciu diferenzas a balón parado por medio de Laura Cordoba aos cinco minutos de xogo.
Durou pouco a alegría ao cadro visitante que se mostraba moi fráxil en tarefas defensivas e sufría de novo a envestida do Poio. Nun contragolpe, Rocío Gómez enviou a Ale de Paz e esta desde a banda esquerda cruzou o balón para facer o 3-1.
O cadro madrileño optou por atacar con cinco xogadoras os últimos minutos do primeiro tempo, pero lonxe de dar resultado, volveuse na súa contra con outro gol de Ale de Paz, esta vez desde o seu propio campo e a portería baleira.
Comezou a segunda parte como un revulsivo o equipo local, gozando de dúas claras ocasións que puideron deixar practicamente sentenciado o encontro. Primeiro Ale de Paz e Martita, e despois Rocío Gómez tentouno cunha vaselina.
A recompensa si chegou aos oito minutos de xogo por medio de Ale de Paz, que anotou de falta directa para facer un hat-trick e o 5-1.
Mantivo o xogo de cinco o Futsi no devir do encontro e a punto estivo de marcar en repetidas ocasións. Conseguiuno, iso si, no minuto 33 cun disparo que Elena Aragón desviou a gol.
Continuou co asedio o equipo visitante e María Sanz anotou cun potente tiro raso, obrigando a López-Tulla a parar o tempo cando quedaban cinco minutos para o final.
Non logrou o Poio frear o furacán ofensivo en que se converteu o equipo rival e Ju Delgado subiu o 5-4 que poñía contra as cordas ás locais, que tentaron aguantar como puideron pero nada puideron facer para evitar o segundo tanto de Delgado co que igualou a contenda no último suspiro.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
Repartición de puntos nun vibrante derbi entre Poio Pescamar e FSF Castro (2-2)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar queda sen tempo para culminar a remontada (3-4)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Anna Escribano, á altura da balón de ouro Aitana Bonmatí ou de Pep Guardiola
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar queda seco en Melilla (3-0)
Por Redacción |
-
Traballada vitoria do Poio Pescamar ante o pechacancelas Leganés (1-5)
Por Redacción |
-
Remontada no último minuto do Poio Pescamar sobre o Atlético Torcal (3-1)
Por Redacción |
-
O Burela deixa o Poio Pescamar sen fase final da Copa da Raíña (4-2)
Por Redacción |