Currículos imaxinativos, formación e as vacas de Feijóo

18 de agosto 2025

Andrés Núñez Rajoy indica neste artigo que "o mundo da política alporizouse coa alteración do CV de Noelia Núñez. Esta muller nunca soubo de onde viña. Foi vítima da súa ambición política"

Asisto como espectador ao show que montan algúns persoeiros da política coa súa vida estudantil. Currículos (CV) con falsificacións, engordados á alza, estudos que nunca existiron, titulacións ou mestrados que non existen. Chégase a falar de compra de títulos. A xente medra dentro do partido, entran na organización xuvenil de aí para arriba. Segundo conta o diario dixital ElPlural (https://www.elplural.com/autonomias/madrid/ayuso-impartio-curso-superior-universitario-sirvio-inflar-950-euros-curriculum-altos-cargos-pp-madrid_357704102 ), Isabel Díaz Ayuso impartiu un curso na URJC, en 2014, que se titulaba "Curso Superior de Estrategias de Comunicación", nese curso había unha morea de cargos do PP de Madrid. Algúns melloraron posicións atopando sitio na administración da Comunidade de Madrid (https://elpais.com/ccaa/2019/10/07/madrid/1570466022_936161.html).

O mundo da política alporizouse coa alteración do CV de Noelia Núñez. Esta muller nunca soubo de onde viña. Foi vítima da súa ambición política. Escoitou cantos de serea que lle dicían "nena ti vales moito, vente con nós, somos os mellores e estamos por pagar menos impostos". Aínda que lle chamaban a "Ayuso de Fuenlabrada" non vivía no mesmo mundo. Os seus pais eran de Vallecas, estudou nun colexio concertado de Fuelabrada. Nada que ver coa Ayuso do barrio de Chamberí onde, xunto co barrio de Salamanca, hai españoles pijos e sudamericanos ricos que estudan en universidades de pinta e colorea, e danlle o título. Si xa tiña sona como influencer que necesidade tiña inventar un CV. O maldito ego ou é que xa aprendera a mentir como outros do PP? O que si sabemos é que non dimitiu, dimitírona. Era a peza máis fácil de cazar, non era de Serrano ou Chamberí, os outros non dimitiron, agás un conselleiro da Junta de Andalucía, Tomás Burgos que se inventou que era médico e Ignacio Herrero de Vox.

Éme moi difícil comprender o complexo de inferioridade que causa nalgunha xente o non ter ido á universidade ou terminar a carreira. O que hai que ter é formación política. Un título non faculta para ser un bo xestor. Temos exemplos de todo o contrario de xente sen estudos superiores chegou a cotas moi altas na política (e na vida). Na miña xuventude lémbrome de moitos deputados do parlamento español que non tiñan nin bacharelato, o máis representativo foi Marcelino Camacho. Tiña gran formación política polo que lía e estudaba. Hoxe os representantes máis senlleiros son Lula da Silva, presidente do Brasil e, o meu admirado, xa falecido Pepe Mújica que foi presidente do Uruguai.

A formación é moi importante. Moita dela conséguese no día a día con estudo e traballo. O ter un título universitario non faculta máis que para exercer ese título, os restos dos coñecementos temos que aprendelos ou experimentalos nos mesmos. O exemplo claro é Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e licenciado en dereito. Nunha visita á explotación gandeira de Manuel Caamaño, en Rois (A Coruña) preguntoulle "porque lle poñen nome de muller ás vacas?". Manuel mirouno e con retranca díxolle, "porque son vacas". Fixo unha paradiña e engadiulle, "que lle íamos poñer Xulián?". Feijóo presume de ser da aldea mais non sabe que as vacas son vacas, e femias, teñen nome feminino, non nome de muller. As tradicionais Gallarda, Paloma, Marela, Cahorra ou Morita agora vese incrementado co Chenoa, Leticia ou Leonor. Claro que si afinamos máis chegamos a nomes alfanuméricos como CMP Coco de Chanel GMDAY ET TV TD TR, ao final chámanlle Coco.

Miña bisavoa, Manuela Antonia Uzal Ramos, viúva de vivo, era analfabeta, non tiña ningún estudo, pero sabía estar, sabía comportarse e tamén sabía escoitar para aprender. Quería que as mulleres votaran e puideran estudar. As súas fillas aprenderon a ler. Non todo é CV para presumir.