As vidas dos menores non son negociables

08 de febrero 2026

Un maltratador, NUNCA, e repetimos, NUNCA, pode ser un bo pai... Nin un bo irmán, nin un bo fillo, nin un bo amigo... Outra cousa é que aparente o contrario

Debo confesar que non teño palabras á hora de comezar a escribir este artigo, porque hai “debates” que, nin no seo de Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, nin a título persoal, entendemos que teñan razón de ser. De feito, non deberían nin existir, porque hai situacións na vida que, para nós, soamente teñen unha lectura, por moitas voltas que se lles queira dar, e unha delas é o que atinxe á violencia vicaria.

Poucas cousas, creo, nos poden sorprender xa do Ministerio de Igualdade, ao que máis ben se lle debería chamar Ministerio dos despropósitos, porque claramente imos de mal en peor, e ás probas nos remitimos co número inxente de vítimas de violencia de xénero, que non deixa de aumentar, non indo a zaga, por desgraza, a violencia vicaria, que semella ser, polo visto, un descubrimento novo, que están, como non, “estudando”.

Nos vindeiros días estaba prevista a aprobación da lei de violencia vicaria, da man do Ministerio de Xustiza, do de Igualdade (arrepíos nos da!), e do de Infancia cuxos aspectos non imos debullar agora un por un, porque non habería espazo suficiente para facelo, pero si imos facelo nalgúns que nos parecen máis importantes, e por mor dos cales non se chegou a un acordo, xa que a ministra de Infancia, Sira Rego, decidiu desmarcarse por considerar que deixa desprotexidos aos menores, que son o réxime de visitas, a patria potestade e o dereito de escoita de nenos, nenas e adolescentes.

Francamente, desde o eido dos que traballamos directamente coas vítimas de violencia machista e cos seus fillos e fillas, e non desde os despachos, non entendemos onde está o obxecto do debate, xa que o temos moi claro, e menos aínda que a ministra de Igualdade alegue que aínda se está a negociar.

Coas vidas dos menores, dos nosos fillos e fillas, Sra. ministra, non se negocia.

A obriga de todos nós, e de Vde. a primeira, é preservalas, e nunca, baixo ningún concepto, poñelas en risco.

Se sobre algo non hai ningunha dúbida, ou non debería, xa que semella que Vde. e o ministro de Xustiza si as teñen, é que un maltratador, NUNCA, e repetimos, NUNCA, pode ser un bo pai... Nin un bo irmán, nin un bo fillo, nin un bo amigo... Outra cousa é que aparente o contrario, pero no que atinxe aos fillos e fillas, é absurdo e demencial o que tantas veces se escoita dicir sobre algún home que maltrata á súa parella e que, sen embargo, é un bo pai. Nin o é, nin o será xamais, e confiarlle aos nenos é, sen dúbida ningunha, expoñelos a un risco que, con máis frecuencia cada vez, está a ter tráxicas consecuencias.

Impedir as visitas do proxenitor que maltrata non é un capricho nin, como desde algúns eidos se escoita, vinganza por parte da nai. É, sinxelamente, prevención e sentido común. Unha prohibición é reversible, chegado o caso, pero unha vida humana que se perde xa non ten volta atrás.

E isto nos leva a outro dos puntos non menos importante: o dereito de escoita de nenos, nenas e adolescentes.

Este punto é crucial, especialmente cando se trata de nenos e nenas de moi curta idade, xa que o proxenitor que maltrata, obviamente, vai tentar atraelos de todos os xeitos posibles, despregando toda clase de artimañas.

Van ser, aparentemente, agarimosos, divertidos, xenerosos á hora de facerlles agasallos, laxos nas súas prohibicións, se é que empregan algunhas e, por suposto, as horas compartidas van ser divertidas, amenas... As normas quedan para a súa nai, que é quen as ten que impoñer día tras día, e, ao fin e ao cabo, é seu pai e lle queren como tal, polo que non é difícil que, á hora de preguntarlle a un menor se quere estar co seu pai maltratador, conteste afirmativamente, por non mencionar que non é, por desgraza, a primeira muller maltratada, nin será a derradeira, que di que non é unha boa parella, pero que si é un bo pai... Por que? Porque non lles deu unha malleira? Pero, unha vez máis, temos que recaer nun concepto do que se fala moito, pero que raramente se aplica: prevención, e nese punto é fundamental a obxectividade daqueles que teñen nas súas mans, quen sabe se as vidas de moitos nenos e nenas, e que deben decidir con total obxectividade.

Non hai que esquecer, ademais, que en moitos casos, falamos de nenos e nenas de moi curta idade, e que, aínda que ao mellor teña dito reiteradamente que non quere ir co seu pai, á hora de ser preguntado polo xuíz, intimidado, diga que si, o cal non minimiza o risco que corre.

No caso dos adolescentes, semella que debería ser todo un pouco máis doado, pero non o é. Moitas veces son reacios a marchar con ese proxenitor maltratador ás fins de semana que lle corresponden, vacacións... e así o manifestan, pero ante o temor das consecuencias legais e xudiciais que isto pode implicar para a súa nai, optan por tragar o medo, o rexeitamento, e tras unha resistencia inicial, optan por ceder.

No que atinxe á patria potestade, máis do mesmo. Outorgarlle autoridade a quen maltrata cruelmente para decidir sobre a vida dos seus fillos e fillas é “piar por elas”, e non o digo con ironía, senón con moita amargura.

Evidentemente, é imposible entender todo isto desde os despachos, sen baixar á area, ou sen mollarse, e menos aínda se a empatía é máis ben escasa e se está a desempeñar un cargo porque é o que tocou, como podería ser outro. Con tal de cobrar moito e ben, que máis ten, non si?

Sra. ministra de Igualdade, para rematar, soamente lle pediríamos que se parara a pensar por un momento... Descoñecemos se é Vde. nai, pero pode tentar entender o que senten tantas e tantas mulleres obrigadas a deixar marchar os seus fillos co que as maltratou cruelmente? Podería facer ese esforzo?

E a Vde., Sr. ministro de Xustiza, permítanos, con todo o respecto, que lle recordemos que xustiza e humanidade non teñen por que ser conceptos antagónicos. Pola contra, deberían e sería de desexar que fosen da man.

É difícil, pero non imposible. Cuestión, unha vez máis, de vontade.

Asociación Si, hai saída