María Ramallo aposta pola continuidade para tratar de revalidar a súa maioría absoluta en Marín
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, teno claro. Para revalidar a maioría absoluta que ten o Partido Popular, o mellor é apostar pola continuidade do actual equipo de goberno. A candidata do PP á Alcaldía manterá nos postos de saída a todos os actuais concelleiros, salvo dous que por expreso desexo non seguirán na corporación ao non poder compaxinalo coas súas respectivas actividades profesionais: Ramiro Gestido Pousada e Luis Lago García.
Unha vez cumpridos os trámites e o nomeamento formal de María Ramallo como candidata, os populares de Marín dan un paso máis e fixeron público o nome das persoas que formarán parte do primeiro tramo da lista que a acompañará nas eleccións.
Manuel Santos, actual concelleiro de Urbanismo e Facenda, repetirá como número 2 dos populares marinenses; e Marián Sanmartín, edil de Medio Ambiente e Benestar Social, volverá ocupar a terceira praza da lista.
Tras eles, incorpórase unha das dúas novidades da candidatura, a de María José de Pazo Allariz, que xa fora concelleira do PP nunha corporación anterior. A outra incorporación, xa no posto 12, é a de Eugenio García Piñeiro, veciño de Pastoriza e que colabora activamente cos populares no ámbito do rural.
A partir de aí, e pola seguinte orde, sitúanse os actuais edís Paco Estévez, Cristina Acuña, Pablo Novas, Antonio Traba e Beatriz Rodríguez. Os postos 10 e 11 corresponderán, por último, a Benito Touriño Touriño e José Cidrás Rosales.
"Trátase de ofrecer máis apoios ao actual equipo, seguir unha liña marcada e uns obxectivos comúns", sinala María Ramallo con respecto a unha candidatura que é "unha mestura de experiencia e de incorporación de persoas novas que levan moito traballado polo PP". Isto permite, segundo a candidata popular, "sumar máis traballo e máis perfís na liña do equipo xa formado e que está a impulsar o noso proxecto para Marín".
Relacionadas:
-
O PP propón construír unha nave para deportes náuticos no paseo marítimo e un polideportivo en Seixo
Por Redacción |
-
PP, PSOE e Marea de Marín mostran as súas cartas de cara ao 24-M
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo anima os alcaldables do PP a conquistar o "voto do orgullo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |