Cubela presenta o equipo co que aspira a revalidar a maioría absoluta para o PP en Cotobade
Por Redacción
O candidato do PP de Cotobade e actual alcalde, Jorge Cubela, aspira a gañar as eleccións municipais do 24 de maio e a revalidar a mayoría absoluta coa que gobernou o municipio durante os últimos catro anos. Este sábado presentou o equipo co que perseguirá o reto marcado, no que combina continuidade da candidatura de 2011 e a necesaria renovación. A lista é paritaria e inclúe representantes de todas as parroquias.
A continuidade danlla integrantes da lista como Fernando Vázquez, actual tenente alcalde que repite no posto número 2, ou María Galiza Aguete e María Pichel Lois, números 4 e 5. A renovación chega da man, entre outros, do seu número 3, posto que ocupará unha nova incorporación, Pepe Pichel García, despois da renuncia de Jaime Godoy por motivos laborais. Cubela confíalle o cargo de xefe de campaña.
Jorge Cubela, que hai catro anos se converteu no alcalde máis novo de España, presentou a súa candidatura facendo un balance de catro anos de goberno, nos que se amosa orgulloso de logros como o de ter eliminado as dedicacións exclusivas dos concelleiros do anterior bipartito ou aumentar o aforro nos servizos municipais, incrementar o gasto social e facer medrar as partidas dedicadas a cultura ou deporte.
"Nós vimos cun equipo serio despois destes catro anos de traballo. Non vimos a cubrir o expediente do noso partido, desaparecer durante os 4 anos, e volver a aparecer en campaña, como todos os demais partidos que se presentan en Cotobade", indicou Cubela, que tamén presume de que "en plena crise, sacamos adiante os proxectos que non se conseguiron en época de bonanza".
A lista do PP é dinámica, como demostra que o actual secretario local do partido, Bruno Portela, pase de figurar como suplente a ocupar o posto número 6. No 7irá tamén unha nova incorporación, Carlos Boullosa, ao que o candidato define como "un dos activos máis importantes no mundo deportivo de Cotobade estes catro anos" e o 8 será para o actual concelleiro de Deportes, Javier Lois Abal.
A lista péchana Raquel Puente (9), Mari Carmen López Gesteira (10) e Margarita Rodríguez Arosa (11) e como suplentes irán Nicasio Rivas Ogando, Rosa Failde Filgueira, Juan Carlos Pazos Barros, Jorge Diz Ventín, Nely Fernández Viñas, Fren Rivas Suarez, Renato Pérez Sieiro, Raquel Touriño Casal e Mari Carmen Fernández, sendo o posto de honra para Jaime Godoy Paz.
Relacionadas:
-
Cubela presume de ter acadado máis de 2,5 millóns de euros en investimentos para Cotobade
Por Redacción |
-
Ana Pastor respalda a Jorge Cubela, o primeiro alcalde de España que a chamou para pedirlle polo seu Concello
Por Redacción |
-
Jorge Cubela: "Estamos a sacar adiante os proxectos que non se conseguiron en época de bonanza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Jorge Cubela, reelexido presidente local do PP de Cotobade
Por Redacción |