"Nós, a diferenza doutros, dependemos só de Pontevedra. Esa é a nosa fortaleza”
A María Biempica (Pontevedra, 1974) coñecémola, politicamente falando, cando hai catro anos decidiu acompañar a Telmo Martín no seu segundo asalto á Alcaldía de Pontevedra. Pero sen dúbida, o seu gran momento chegou cando decidiu romper a disciplina do Partido Popular e posicionarse en contra da reforma da lei do aborto que impulsaba o entón ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.
Pouco despois daquilo abandonou as filas populares e, tras non entregar a súa acta de concelleira, pasou a ser edil non adscrita. Diso hai pouco máis dun ano, un tempo que lle permitiu demostrar o seu talante de "diálogo e consenso", como ela mesma destaca e, sobre todo, de "tomar nota das necesidades dos cidadáns de Pontevedra". Con toda esta bagaxe, decidiu fundar un novo partido -Tod@s por Pontevedra- e presentarse a estas eleccións.
Que ofrece Tod@s por Pontevedra ao panorama político municipal?
Ofrecemos ideas novas e xente sen pasado político, pero con moitas cousas por achegar. Somos un movemento cidadán que só dependemos de Pontevedra. Non dependemos de Santiago, de Madrid nin de Cataluña como o resto. E esa é a nosa gran fortaleza. Só imos ser o que decidan os cidadáns de Pontevedra.
Como describirías o equipo que presentades a estas eleccións?
Estou moi contenta con todos eles. Son persoas moi profesionais e que teñen grande experiencia en determinados campos: xestión ambiental, avogados, enxeñeiros de telecomunicacións... é xente moi preparada e moi válida que coñece Pontevedra e que quere apostar polo cambio que impulsamos, achegando todo o seu traballo e a súa ilusión.
Tras catro anos na corporación, que diferenza hai entre a María Biempica que, no seu día, chegou á política da man de Telmo Martín e a de agora?
Son a mesma persoa, pero cunha diferenza. Demostrei ter unha coherencia e unha integridade que outros políticos non teñen. Durante este tempo, o único que fixen é aprender, traballar, escoitar e tomar nota das necesidades dos cidadáns de Pontevedra. Demostrei con feitos e non con palabras cal é o meu xeito de traballar, renunciando a ter un soldo e un despacho novo. Estiven á altura das circunstancias e creo que iso os cidadáns o valoran por enriba doutros candidatos.
Tendo en conta a túa orixe política, entendes que haxa xente que crea que só te presentas para 'vingarte' de Jacobo Moreira'?
Daríame moita pena que a xente pensase que me presento por despeito cara a unha persoa. Eu creo que ninguén tomaría unha decisión así por algo tan parvo como iso. Sempre dixen que moita xente de Pontevedra me animou. A proba está na candidatura. Non tiven tantos problemas como outros para formala. O que si creo é que Jacobo só fai o que lle din dende Santiago e iso está mal. Espero que a xente entenda que este proxecto nace da necesidade de cambio e para apostar pola rexeneración política.
Entrando xa as propostas de Tod@s por Pontevedra, cal é a vosa maior preocupación?
Temos tres liñas básicas que imos defender: máis emprego, un modelo de cidade con máis espazos verdes e un goberno aberto, transparente e que escoite as críticas. Isto último é moi importante. Fixámonos no modelo de Veciños por Torrelodones que fixeron unha xestión eficiente e achegándose aos cidadáns. Apostamos, por exemplo, por portais como Smart Cities, que tamén se utilizan na Coruña; porque os concursos públicos sexan anónimos para frear a corrupción e porque dentro do Concello haxa unha transparencia total do que gasta. Á fin e ao cabo, é o diñeiro de todos os cidadáns.
"Sería unha irresponsabilidade non apostar por ENCE. O de Lores foi un goberno que non xera emprega e, aínda por enriba, quere destruír o que hai"
Citabas o emprego, que pode facer un concello como Pontevedra para incentivar a creación de novos postos de traballo?
Pontevedra ten que apostar pola industria para crear futuro. O goberno de Lores tivo 16 anos para facelo e centráronse no modelo urbano. Sempre dixemos que gabamos ese modelo, pero esquecéuselle o futuro de Pontevedra. Por iso, nós apostamos por un centro tecnolóxico de industrias innovadoras e respectuosas co medio. Hai que aprobar un novo PXOM e atraer empresas. O que está claro é que non poidamos rematar sendo un Allariz grande.
Ademais, a curto prazo cremos que só hai un xeito de intentar loitar contra o desemprego que é impulsar políticas activas para que as persoas máis desamparadas, que son os mozos que buscan o seu primeiro emprego e as persoas de 45 a 55 anos, encontren unha saída laboral. E por suposto, iso faise restablecendo as relacións co goberno autonómico e estatal. Non é posible que sós poidamos construír unha Pontevedra sostible.
Entraría aí, polo tanto, a vosa defensa á continuidade de ENCE na Ría?
A economía de Pontevedra necesita a ENCE. Dentro do noso partido hai diferentes sensibilidades sobre este tema, igual que na sociedade de Pontevedra. Pero eu levo meses reuníndome con moita xente e agás unha asociación en concreto, ninguén me transmitiu que queren que ENCE se vaia, polo emprego.
Se se tivesen dado alternativas durante estes anos para que os traballadores tivesen posibilidade de quedar en Pontevedra a traballar, a marcha de ENCE non sería tan traumática. Sería unha irresponsabilidade non apostar por ese emprego. Neste sentido, o de Lores foi un goberno que non xera emprego e, aínda por enriba, quere destruír o que hai.
"Unha planta de compost cun custo axustado á realidade, que dea emprego e que estea ben xestionada, non ten por que contaminar máis que un McDonalds"
Con respecto ao modelo urbano de Pontevedra que, como dis, gabades dende Tod@s por Pontevedra, que credes que se pode mellorar?
Entendemos que se apostou moito polo centro e pola zona monumental, pero Pontevedra é máis que iso. Hai que crear máis espazos públicos e zonas verdes, por exemplo, que poidan gozar os cidadáns. Un modelo que propoñemos é recuperar áreas que están abandonadas e crear parques ao estilo do Retiro ou Hyde Park, onde a xente non só os goce dende unha cafetaría, senón tombándose no céspede ou comendo coa familia.
Queremos ampliar esas zonas de esparexemento por toda a cidade, pero tamén hai que reordenar o tráfico que, neste momento, é un caos e apostar por crear máis áreas de aparcadoiro, non só para o uso dos pontevedreses, senón para facilitar o acceso á cidade á xente que vén de fóra. Iso axuda tamén á reactivación da economía.
E para o rural?
É vital para nós e, recordo, é Pontevedra tamén. Faime graza que se faga esa diferenciación entre o modelo de cidade e o rural. É inxusto que, cada vez que falamos con xente das parroquias, todos nos digan que lles faltan servizos tan básicos como saneamento ou abastecemento de auga. Non se encontran asistidos como deberían. Non poden seguir sendo cidadáns de segunda. E por moito que digan, os consellos parroquiais non funcionaron. O goberno decide e actúa como quere sen escoitar os cidadáns.
Falando das parroquias, hai dous proxectos que afectan a varias delas e sobre os que nos gustaría coñecer a postura de Tod@s por Pontevedra. O primeiro, a planta de compostaxe.
Hai que saber as condicións. Unha planta de compostaxe cun custo axustado á realidade, que de emprego e que estea ben xestionada, non ten por que contaminar máis que un McDonals, por exemplo. A principio, a nosa aposta foi tallante porque o proxecto era outro e ía xerar máis emprego. Agora haberá que ver como queda, pero reitero que se planta cumpre os estándares axeitados e está ben xestionada, non ten por que haber problemas.
"Non nos parece de recibo é a arrogancia do voceiro do PP cando di que non vai pactar con ninguén. Eu si lle tendería a man polos pontevedreses"
E sobre a construción da A-57?
É unha infraestrutura necesaria, iso está claro. Pero o que non se pode facer é facela a machete para que sexa máis barata. Hai que respectar as persoas que viven alí e non se pode facer un trazado que poña en perigo unha zona tan bonita como a serra da Fracha. Hai que barallar diferentes opcións que, aínda que saian máis caras, respecten aos veciños e ao medio ambiente de toda esta zona.
Que perspectivas barallades de cara ao 24 de maio?
Estamos no punto de partida. Temos as mesmas opcións que o resto de compañeiros, tratándose dunha formación nova. As enquisas falan dun nivel moi alto de indecisión, así que intentaremos convencer a xente de que somos unha opción a ter en conta e que o único que queremos é loitar por toda a xente de Pontevedra e polo seu futuro. Creo sinceramente que temos posibilidades de entrar na corporación.
Se iso se produce, Tod@s por Pontevedra está disposta a pactar con outras opcións políticas ou hai liñas vermellas que non atravesaredes xamais?
Somos un partido de diálogo e consenso. Esa é unha das bases que sempre levei comigo como concelleira non adscrita. Apoiei mocións de PP, BNG e PSOE. Faría o mesmo con todos. Polo ben da xente de Pontevedra, pactariamos con calquera forza política que nos pareza razoable. O que non nos parece de recibo é a arrogancia do voceiro do PP cando di que non vai pactar con ninguén. Eu si lle tendería a man polos pontevedreses.
Relacionadas:
-
Tres amigas e un mesmo obxectivo: entrar xuntas na próxima corporación municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Hola, somos Tod@s por Pontevedra y nos presentamos a las elecciones"
Por Natalia Puga |
-
Biempica: "No se puede vivir del modelo urbano; el Concello sí lo hace, pero los pontevedreses no"
Por Natalia Puga |
-
María Biempica presentarase ás eleccións baixo a denominación "Tod@s por Pontevedra"
Por Redacción |