A candidatura de Marea Pontevedra asina o Código Ético e anuncia unha consulta cidadá sobre os acordos postelectorais
Por Oskar Viéitez
Este domingo reuniuse en pleno a candidatura de Marea Pontevedra debaixo do carballo de Santa Margarida para rubricar o código ético.
O alcaldable, Luís Rei, que foi o primeiro de efectuar a sinatura debaixo do carballo da ‘liberdade’ salientou dous puntos: "os electos da Marea manterán o compromiso cos electores durante os catro anos, porque a Marea é un todo, e o límite de mandatos consecutivos nun cargo público, será de dous."
Marea Pontevedra ten no seu seo membros destacados do movemento indignado do 15-M, cuxo cuarto aniversario se celebra este venres vindeiro. Nese senso a Marea Pontevedra vai convocar para ese día unha consulta aberta para que a veciñanza marque as "liñas vermellas" de calquera hipotética alianza de goberno nun escenario onde "non haberá maiorías absolutas e cunha presenza determinante da Marea, tal como empezan a definir as diversas sondaxes", sinalaron.
Marea Pontevedra responde así a calquera especulación sobre a súa actuación futura no marco dun concello sen maiorías absolutas e precisa que "non será nin tan sequera a asemblea da Marea senón a cidadanía que queira participar a quen decida as liñas centrais sobre os que sustentar futuros acordos".