Marea Pontevedra encargará un Plan Estratéxico para cambiar a "dramática" situación do emprego
Por Oskar Viéitez
"Pontevedra é a cidade galega que máis emprego destrúe e que ten maior taxa de paro", esta é a radiografía que ofreceu o economista Manuel Lago Peñas nunha rolda de prensa na que Marea Pontevedra presentou o seu "Informe dramático da situación económica e do emprego no concello de Pontevedra".
Recollendo datos oficiais da Enquisa de Poboación Activa (EPA) este informe conclúe que a cidade do Lérez presenta un "esgotamento dun modelo que coloca nun serio risco de supervivencia a estrutura produtiva de Pontevedra".
O candidato de Marea, Luis Rei, considera que os datos económicos son unha "emenda á totalidade" do modelo produtivo da cidade e afirmou que "aínda que as políticas de emprego dependen en boa medida do Goberno Central e da Xunta, os concellos non deben asistir pasivamente ao que está acontecendo", dixo.
Tras recoñecer que Marea Pontevedra "non ten unha vara máxica para resolver este problema" apostou pola eleboración dun Plan Estratéxico que permita cambiar a dinámica actual dun modelo "caduco" que pivota sobre unha "industria contaminante" que xera "empregos precarios e pouco valora engadido" e os "asalariados públicos".
No primeiro pleno da próxima Corporación que saia das urnas o 24 de maio, Marea pedirá a eleboración deste Plan para que poida ser aprobado "canto antes" e empezar a "executalo" en 2016.