Silva e Rueda, outro ano de desencontros
Por Oskar Viéitez
Encerellados nunha permanente polémica pasaron outro ano máis Carmela Silva e Alfonso Rueda. A presidenta da Deputación e o vicepresidente da Xunta e líder provincial dos populares encerelláronse en todo tipo de asuntos, o máis recente: a comarcalización dos parques municipais de Bombeiros de Pontevedra e Vigo.
O número dous do Executivo galego avoga por esta medida como unha das solucións para "eliminar as zonas de sombra" acurtando os tempos de resposta ante incidencias. A mandataria provincial rexeita que a Xunta faga esta proposta "sen estudos serios" que a avalen e sen financiamento.
Ambos os políticos tamén se enfrontan polo Pazo de Lourizán. A Deputación recrimina á Xunta o abandono que sofre este emblemático inmoble mentres que a administración autonómica propón que sexa a empresa Ence a que financie o arranxo a cambio de instalar alí o seu centro de investigación.
Tamén este ano reeditouse a polémica dos "castillitos" ao negar o goberno provincial a autorización ao Partido Popular para facer uso do Castelo de Soutomaior para un acto político.
O principal campo de batalla entre ambos os mandatarios son as competencias das que son responsables as institucións que gobernan pero que na súa xestión afecta a ambos. É o caso das axudas polos incendios forestais ou os asuntos sociais como é o caso da cidade infantil Príncipe Felipe.
Carmela Silva responsabiliza a Rueda da "estratexia de confrontación" que, ao seu xuízo, manteñen os deputados do PP no Pazo Provincial e solicitoulles que fagan "política de alto nivel" e mesmo chegou a pedir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a destitución inmediata do vicepresidente do goberno galego por "incompetente" e por converterse nun "comisario político" do PP.
Alfonso Rueda marcouse o obxectivo de "recuperar" a Deputación de Pontevedra para o Partido Popular, e son moitas as voces dentro do PP que engaden que será para presidila el mesmo.