Asobal e Teucro volveron unir os seus camiños
Por Diego Espiño
Só un ano tardou a Sociedade Deportiva Teucro en volver ao lugar que por historia merece o vicedecano do balonmán nacional, a Liga Asobal.
Os azuis conseguiron materializar o ascenso á máxima categoría a finais do mes de abril, despois dunha segunda volta de campionato que rozou a perfección.
O ano 2017 arrincou para os de Quique Domínguez desde o liderado, cun punto de vantaxe sobre Palma del Río e Zamora, precisamente o rival co que estreou o ano e co que comezou unha xeira de 11 xornadas sen perder que resultou decisiva. Foron oito vitorias consecutivas ata que chegou un emocionante derbi local ante o Club Cisne Balonmán, co que igualaron a 28 goles. Nese momento, tras o empate, eran catro os puntos que distanciaban ao Teucro do Palma del Río. Despois virían outras tres vitorias ata a primeira opción de certificar o ascenso, errada ao caer derrotado en Alcobendas.
Só habería que esperar unha xornada máis lograr o obxectivo ante o Barcelona B e levar a alegría ás bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes. Celebración ao grande na pista que tivo como broche final unha festa na última xornada de liga ante o Bordils, na que recibiron o título como campións da División de Honra Prata.
O verán foi tempo de cambios no plantel e de novos apoios, atopando despois de anos de procura un patrocinio principal da man de Condes de Albarei que permitiu elevar o gasto deportivo no seu reto de tentar asegurar a permanencia.
Chegaron novos xogadores internacionalizando o vestiario pontevedrés. Así aterraron na Boa Vila o brasileiro Bruno De Castro, o italiano Giusseppe Colasuonno, que terminou rescindindo por culpa da lesión que se produciu nun incidente doméstico, ou o cubano Yoan Balázquez, unha das revelacións da primeira parte da tempada na Liga Asobal ao situarse como segundo máximo anotador da competición.
Foi ademais un primeiro tramo de tempada positivo para os de Quique Domínguez, fortes cando xogaron como locais para lograr catro puntos de vantaxe sobre a zona de descenso á chegada do parón. Os únicos lunares, as lesións de longa duración de xogadores como o propio Colasuonno, substituído por Samu Gómez, de Óscar Silva e de José Manuel Rial, ademais do escaso botín logrado nos encontros a domicilio.
Por último, antes das vacacións do Nadal o Teucro permitiuse seguir soñando coa Copa do Rei ao superar a terceira rolda nun emocionante cruzamento co Balonmano Benidorm que incluíu remontada no Pavillón Municipal. Agora, só unha eliminatoria máis separa aos azuis da Final a 8 do Torneo do K.O., ilusión que gañaron con suor co seu traballo nos últimos meses e que deberán confirmar tras o descanso polo Europeo de seleccións.